Home  
 
 
 
 

Iago Tabarés

 
  O deputado do Grupo Parlamentar do BNG, Iago Tabarés, ven de se interesar polos prazos para a execución das obras de reforma do Pazo de Xustiza de Ourense, "toda vez que se está a producir unha nova demora nos compromisos asumidos pola propia Directora de Xustiza nunha visita realizada hai uns meses ás instalacións do Pazo", sinala o parlamentario nacionalista por Ourense.
 
 
O parlamentario Iago Tabarés avisa de que hai novos retrasos nos prazos das obras de reforma do Pazo de Xustiza de Ourense  
24 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL

Tabarés rexistrou unha iniciativa parlamentar na que lembra que a solución a grande parte das eivas da administración de Xustiza na cidade pasa por un novo edificio no que xa se está a traballar, “mais isto non pode impedir de ningún xeito que, con carácter de urxencia, se dote a Ourense dos elementos mínimos para unha axeitada prestación dun servizo público básico como é a Xustiza”.

O deputado nacionalista refírese, concretamente, a dependencias específicas para o xulgado de garda, o servizo de atención ás vítimas –nomeadamente ás de violencia de xénero- e medidas de seguranza e accesibilidade, entre outras.
Trátase, segundo Tabarés, dunha serie de reivindicacións que xa foron postas de manifesto polo BNG en diferentes ocasións, facéndose eco das demandas da práctica totalidade dos operadores xurídicos, e que foron recoñecidas pola propia directora xeral, quen recoñeceu a escasa complexidade das obras mais sen que até o de agora se teña constancia dalgún avance ao respeito.

Ante o exposto, o deputado do BNG pregunta polos prazos concretos para dotar ao Pazo de Xustiza actual de dependencias específicas para o xulgado de garda así como para racionalizar e acondicionar o espazo e as dependencias ubicadas no baixo andar.
Asemade, Tabarés aproveita a iniciativa para coñecer o estado dos trámites para comezar o novo edificio xudicial.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital