Home  
 
 
 
 
  "A proliferación de campos de golf na provincia de Ourense responde á presunta panacea especulativa que as arcas municipais ven coa instalación deste tipo de infraestruturas", sinala a organización Amigos da Terra para cuestionar a intención do Concello de Allariz de promover un no seu territorio. E anuncia o colectivo ecoloxista: "Amigos da Terra levará a cabo as accións oportunas que conleven á paralización deste tipo de proxectos coma o de Allariz".
 
 
Amigos da Terra califica os campos de golf coma o que se quere facer en Allariz, de "panacea especulativa" dos concellos
18 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Amigos da Terra cuestiona o anuncio recentemente feito polo rexedor municipal de Allariz, o nacionalista Francisco García Suárez, de construír un campo de golf neste concello. Recorda o colectivo ecoloxista que completaría unha serie de proxectos, algúns deles frustrados, que se iniciaron có de Montealegre, seguiu polo de Maside, actualmente pendente de resolución dos contencioso-administrativos, e logo contabilizou os "intentos frustrados", segundo Amigos da Terra, dos de Valdeorras, Vilamarín e Toén.
Segundo Amigos da Terra, "a proliferación de campos de golf na provincia de Ourense responde á presunta panacea especulativa que as arcas municipais ven coa instalación deste tipo de infraestruturas, o que demostra a falta de criterio por parte da administración como parte garante da legalidade, dos terreos de dominio público e dos dereitos sociais e ambientais de todos os cidadáns".

Sinala Amigos da Terra que, ademais de que entre algúns destes campos hai distancias de 20 quilómetros, "os campos de golf levan consigo unha inevitable tala de árbores, o emprego de produtos químicos que conlevan drenaxes á ríos, lagos ou acuíferos, coa conseguinte contaminación dos mesmos". O colectivo chega incluso a cualificalos de "unha das maiores aberracións ambientais", xa que sostén Amigos da Terra que o consumo de auga destes espazos "alcanza entre 700 e 1.000 millóns de litros de auga por cada 70 hectáreas".

Nesta situación, Amigos da Terra é claro na súa contra ás pretensión do Concello de Allariz e o seu alcalde, e anuncia que levará a cabo "as accións oportunas que conleven a paralización deste tipo de proxectos". Lembra que esta vila foi catalogada pola UNESCO como Reserva da Biosfera, "o que conleva un desenvolvemento social e ambiental acorde co concepto de sustentabilidade, e non á deficiente xestión e elevada permisibilidade dos concellos que poñen en risco a función destas áreas".

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital