Home  
 
 
 
 
  Comisións Obreriras dí considerar "unha desfachatez" a decisión de Medio Rural de publicar unhas bases, segundo CC.OO., "encamiñadas milimetricamente a consolidar definitivamente como traballadores fixos de plantilla aos que previamente xa colocaran enchufados de forma provisional no INGACAL". A organización sindical amósase dura coa Consellería de Suárez Canal, aos que cualifica de "modernos terratenentes sen escrúpulos que exercen e xestionan os servizos públicos, en beneficio partidista, a golpe de tropelía e sen rubor algún".
 
 
Alertan de que Medio Rural quere pasar á fixos aos que no seu día xa colocou "enchufados" cunhas probas feitas a medida
17 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

A organización sindical denuncia que Medio Rural pretende agora colocalos definitivamente como persoal fixo de plantilla a través dunhas bases feitas á medida dos “aspirantes protexidos”, bases que son "un insulto para tódolos cidadáns" ao conculcar a igualdade de oportunidades para acceder a estes postos.
CC.OO. resalta que as "tropelías" destas bases van dende as mínimas dificultades e escaso volume e valor das probas que se esixen, ata a esaxerada puntuación que se lle da á entrevista, "deseñada, obviamente, para que, en caso de que haxa algún aspirante libre que puidese acadar unha puntuación semellante aos protexidos, permita finalmente decidir discrecional e dactilarmente á persoa que teña que acadar o posto fixo".

Ante estes feitos, CC.OO. esíxelle a Medio Rural que retire esta convocatoria inmediatamente "por ser máis propia dun sistema feudal de xestión que dunha xestión transparente, obxectiva, igualitaria e profesionalizada", e cun sistema de acceso baseado nos principios de igualdade, mérito e capacidade, recalca a organización sindical.
Para Comisións Obreiras, "esta convocatoria demostra con máis claridade que os dirixentes de Medio Rural entraron na administración autonómica como un elefante nunha cacharreira, facendo das súas áreas de xestión a súa finca particular, a modo de modernos terratenentes sen escrúpulos que exercen e xestionan os servizos públicos, en beneficio partidista, a golpe de tropelía e sen rubor algún".

CCOO solicítalle a Función Pública que interveña neste novo despropósito desta Consellería e así mesmo esíxelle ao Conselleiro do Medio Rural o cese inmediato do director xeral da área de dependencia do instituto como primeiro responsable desta burda manobra clientelar.
CCOO advirte que, de non producirse a intervención de Función Pública para retirar ou modificar esta OPE para garantir a libre concorrencia en igualdade dos posibles aspirantes, baralla a posibilidade de impugnala a convocatoria a través dos cauces xurídicos correspondentes.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital