Home  
 
 
 
 
O BNG de Xinzo de Limia denuncia que o pasado venres, 29 de febreiro, unha empresa particular que, "segundo as nosas informacións, actuou seguindo instrucións do Concello", invadiu unha propiedade particular e arrincou de raíz varios carballos
de considerable envergadura e máis de 30 anos de idade. A finalidade sería, segundo as informacións das que dispón o BNG de Xinzo de Limia, "que estas árbores secaban unha fonte próxima".
 
 
 
O BNG denuncia o que cualifica de "grave atentado ecolóxico" en Faramontaos de Xinzo de Limia
5 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL

O BNG de Xinzo de Limia denuncia o que cualifica de "atentado ecolóxico" consumado en Faramontaos deste Concello, cando unha empresa particular invadiu unha propiedade arrincando de raíz carballos de máis de 30 anos de vida. Segundo as explicacións que o BNG di que se lle deron a este feito, está a de que "estas árbores secaban unha fonte próxima".
Tal explicación "carece absolutamente de fundamento xa que, de todo o mundo é sabido que os carballos estenden o seu sistema radicular en superficie, e este en ningún caso afecta á capa freática xa que está nun nivel inferior ao das raíces das árbores", sinala o portavoz do BNG neste Concello, Amador Díaz Penín.

O grupo nacionalista establece a seguinte secuencia cronolóxica do cualificado como "atentado ecolóxico". Na semana pasada o PP celebrou un acto electoral no pobo de Faramontaos, no que dous veciños lle solicitaron arrincar as árbores próximas á “Fonte da Pía” argumentando que eran as causantes de que esta non tivera auga, establece o BNG.
Sen ningún tipo de informe técnico, sen solicitar o preceptivo permiso dos propietarios e invadindo propiedade privada, "consumouse un atentado ecolóxico de consecuencias irreparables", establece o portavoz nacionalista.
Para Amador Díaz Penín, "estes feitos poñen de manifesto, unha vez máis, o xeito de actuar do noso alcalde, Isaac Vila, e do Partido Popular quen, por conseguir media ducia de votos non dubidan en estragar irreparablemente o noso medio natural, brincando por riba dos máis básicos dereitos individuais dos cidadáns e dos trámites legais e administrativos elementais".

O grupo nacionalista anuncia que, ademais das responsabilidades políticas que se esixirán o rexedor municipal de Xinzo de Limia, non se desbotan as accións legais que poidan derivar das denuncias que, segundo o BNG, o propietario afectado xa presentou diante das autoridades competentes

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital