Home  
 
 
 
 
Aínda non prenderon os fogóns pero xa pouco lle falta. O mércores empeza Xantar, o Salón Galego da Gastronomía e o Turismo polo que os organizadores agardan que pasen miles de comensais, como xa ven ocorrendo nas pasadas edicións.
Xantar e Termatalia son os dous eventos da Expourense que acadan maior concorrencia e interese, e, segundo o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Alex Sánchez Vidal, sen dúbida "os mellores escaparates da nosa cidade".
Un total de 25 menús completan esta novena edición de Xantar, con prezos que van dos 12 aos 38 euros. Este ano, como novidade, preséntase un menú especial para a mocidade de 12 euros.
 
 
 
Todo a punto para a novena edición de Xantar, que ofrece este ano 25 menús de 19 restaurantes da península
3 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL

A novena edición de Xantar, Salón Galego de Gastronomía e Turismo, ofrecerá un total de 25 menús que recollerán os produtos máis típicos e de calidade das rexións, comarcas ou concellos aos que pertence cada un dos 19 restaurantes presentes na feira, o 60 % dos cales son galegos.
Moitos destes menús, que oscilan entre os 12 e os 38 euros, están elaborados por distintas asociacións de hostaleiros que aúnan coñecementos e esforzos para recolle-lo mellor da gastronomía da zona que representan ó mesmo tempo que ofrecen un eficaz servizo igual ó que se recibiría nun restaurante ó uso.
Como novidade este ano servirase un menú especial para a mocidade a un prezo de 12 euros (restaurante da Regiao Turística Alto Minho) e tódolos restaurantes terán a oportunidade de completa-la súa oferta con distintos tipos de pan (integral, sen sal, de cereais, etc.), adaptados ás necesidades e preferencias de cada comensal. Ademais, tódolos menús ofrecerán viños de calidade amparados a algunha Denominación de Orixe.

"Non convén esquecer que o principal obxectivo de Xantar é promocionar e defende-la calidade da gastronomía galega", sinalan os organizadores para sinalar que non faltarán a esta cita representacións das catro provincias galegas, da Xunta de Galicia e das máis de 300 festas gastronómicas ou históricas máis populares celebradas nesta comunidade.Estarán presentes en Xantar a través dun restaurante a gastronomía representativa tanto do interior como da costa galega. Cada un deles incluirá no seu menú aqueles produtos que exaltan ano tras ano cunha festa gastronómica.

Así, poderanse degustar nesta edición  a lagosta A Guarda; o polbo de Lugo; os callos limiaos, a empanada de forquellas e as Sopas de Burro Canso dos tres concellos que integran a comarca da “Baixa-Limia (Muíños – Lobios – Entrimo); o botelo de O Barco de valedoras; a “Pata dos Poetas” de Terra de Celanova, o arroz do pobo con Androlla e os pratos de caza de A Veiga  ou touro ecolóxico e as castañas do Riós.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital