Home  
 
 
 
 
  Na reunión do Comité Galego de Prevención de Incendios de Galiza deste venres en Santiago, o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, avogou pola combinación de prevención, vixilancia, persecución dos delincuentes e perfeccionamento do dispositivo de extinción como "a fórmula para reducir o número e as consecuencias dos lumes forestais". Entre as principais novidades para este ano, sinalou Suárez Canal a mellora e o incremento de medios materiais e humanos e o reforzamento da colaboración coas forzas e corpos de seguridade, e coa sociedade en xeral, para a evitar a acción dos incendiarios.
 
 
Medio Rural presentou o dispositivo de defensa e loita contra os incendios forestais para este 2008
23 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
Durante a reunión celebrada na mañá deste venres polos membros do Comité Galego de Prevención de Incendios de Galiza (CGPIG), a Consellaría do Medio Rural deu conta das principais novidades que se incluíron no dispositivo de loita contra os lumes este ano 2008.

Segundo informa a propia Consellería, ademais da consolidación do mando único central por parte da Dirección Xeral de Montes, o operativo conta este ano con

   — 113 brigadas fixas,
   — 78 brigadas de traballadores fixos-discontinuos,
   — 3 brigadas especiais helitransportadas,
   — 60 de vixilancia móbil,
   — 8 Grupos Locais de Pronto Auxilio (GLPAs),
   — 49 Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) en colaboración coa Dirección Xeral de Protección Civil,
   — 35 brigadas de prevención pertencentes ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común
   — 317 brigadas de reforzo no verán, o que fai un total de 668 unidades.

Neste sentido, o titular de Medio Rural explicou que se recompoñen as brigadas terrestres de 7 a 5 compoñentes cun novo sistema de cadrantes de traballo e que na práctica supón unha ampliación do número de unidades globais. Así mesmo, tamén se mercarán novos lotes de equipamentos de protección individual (EPI´s), máis resistentes e seguros, para mellorar a seguridade laboral dos traballadores.

Medios Materiais

En canto aos medios materiais, introducíronse melloras tanto cuantitativa como cualitativamente, de xeito que entre 2007 e 2008 incorporáronse 35 novos vehículos motobomba ao dispositivo,

alén das implementacións realizadas en materia de novas tecnoloxías da comunicación e da información. Nesta liña enmárcanse as melloras introducidas no sistema informático de control e dirección do operativo, coa remodelación do Centro de Coordinación Central de Defensa contra Incendios, a adquisición de dous vehículos de posto de mando avanzado, a colocación de posicionadores en todos os vehículos do dispositivo para o seu control mediante GPS´s, a informatización do sistema de chamadas e alertas de incendios a través do teléfono 085, a instalación nos vehículos motobomba dun dispositivo de procesado, visualización e navegación integrado no Sistema de Información Xeográfica (SIX), etc. No tocante aos medios aéreos, increméntanse as unidades dispoñibles, de forma que durante a pre-campaña disporase de 14 e na campaña propiamente dita de 34.

Renóvase o convenio con Defensa

Outro dos aspectos aos que a Consellaría do Medio Rural lle concede unha importancia estratéxica na loita contra os lumes é o despregue das forzas e corpos de seguridade do Estado e dos efectivos militares polo territorio galego co obxecto de intentar persuadir e deter os incendiarios que provocan intencionadamente os incendios forestais no noso País. Neste sentido, renóvase o convenio co Ministerio de Defensa e a colaboración coas forzas policiais para a realización de labores de persecución do delito incendiario, á vez que se implementa a colaboración cidadá con este mesmo fin. É o caso das Agrupacións Veciñais de Vixilancia Forestal, creadas con éxito o ano pasado, e que seguirán contando coa colaboración da Consellaría do Medio Rural en materia de dotación de medios, así como o Voluntariado en Defensa do Monte Galego e as cooperativas agrarias que tamén realizaron tarefas de vixilancia en campañas anteriores. Á marxe da colaboración cidadá, a Consellaría ten previsto fortalecer as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais para mellorar a investigación das causas que provocan os lumes.

Oito equipos de prevención

En materia de prevención, contémplase reforzar os traballos de limpeza e acondicionamento de montes, devasas, cortalumes, pistas forestais e puntos de auga, tanto por parte do propio dispositivo dependente da Xunta como en colaboración con comunidades de montes, propietarios forestais e concellos, fundamentalmente. Así mesmo, a Consellaría contará con 8 equipos de prevención de incendios forestais (EPRIF) que levarán a cabo rozas e queimas controladas naquelas zonas de pastoreo e de caza máis afectadas historicamente polos lumes.

Tamén se agarda rematar este ano coa redacción dos plans de prevención para cada un dos 19 distritos forestais de Galiza. Ao mesmo tempo intensificaranse as actuacións en materia de concienciación e sensibilización medioambiental, dirixidas á sociedade xeral, e que pretenden divulgar e buscar a implicación cidadá no cumprimento da Lei de prevención e defensa contra incendios e na posta en marcha de medidas que implican a valorización integral do noso monte, como é o caso das Unidades de Xestión Forestal. Un instrumento que a Consellaría agarda que contribúa a mitigar os incendios forestais, mediante unha maior rendibilidade dos montes e dos seus aproveitamentos (madeireiros, silvopastorís, novos cultivos, ocio e lecer, etc.)
REDACCIÓN de Ourense Dixital
Volver atras
Imprimir Página  
 
REDACCIÓN de Ourense Dixital
       
REDACCIÓN de Ourense Dixital