Home  
 
 
 
 

Blanco Casal e Suárez Canal, director xeral de Montes e conselleiro de Medio Rural, respectivamente

 
  A Consellería do Medio Rural renovou as instalacións do Centro de Coordinación cun modelo avanzado de comunicacións, complementado coa aplicación dun sistema de posicionamento de vehículos sobre ortofotos e cartografía actualizada e cun vídeo-wall para realizar capturas de imaxe de ordenadores e das cámaras situadas en diversos montes. Trátase do complexo dispositivo do que Ourense Dixital xa adiantou algo o 19 de novembro pasado.
 
Noticias Relacionadas
  Medio Rural quere un "posto de mando avanzado" nos incendios con toldo e aire acondicionado
 
 
Medio Rural pon en marcha un complexo e sofisticado operativo de control e loita contra os incendios forestais
19 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

A Consellería do Medio Rural "prosegue coa modernización das instalacións e do equipamento do Centro de Coordinación do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, mellorar o soporte de comunicacións, de cara a facilitar a toma de decisións do mando único coa axilización da transmisión de información dixitalizada e en tempo real", sinala o departamento de Suárez Canal na posta en marcha de dito operativo.

Implántase un sistema de posicionamento por GPS dos medios aéreos, motobombas, maquinaria pesada, todoterreos, vixilancias móbiles, postos de mando avanzado e cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMAS). A información é enviada empregando a rede GSM/GPRS e, grazas a este sistema, obtense a localización exacta de cada medio, a data e hora de cada posición, o rumbo e a súa velocidade. En función da tipoloxía de cada recurso e da súa función, pódense empregar dispositivos instalados no propio vehículo, ou dispositivos persoais do tamaño dun teléfono móbil, ambos de última xeración.
A totalidade dos datos visualízase nun sistema de información xeográfica de elaboración propia, coas últimas fotos aéreas dispoñibles sobre o territorio, o mapa topográfico e toda a cartografía vectorial de referencia: unidades administrativas, núcleos de poboación, espazos protexidos, vías de comunicación, curvas de nivel, hidrografía, puntos de auga, bases aéreas e puntos de vixilancia.
Sobre este escenario, á súa vez, recíbense en tempo real e xeorreferenciados a totalidade de alarmas e lumes, introducidos dende as dezanove xefaturas de distrito e as catro xefaturas provinciais. Con toda esta información operativa, coñécese cales son os recursos que están máis preto de cada lume, a que distancia se atopan, cal é o tempo estimado en chegar, que recursos están xa asignados, cales están dispoñibles.

Vídeo-wall

Dada a gran cantidade de información que se prevé manexar en cada momento, deseñouse un sistema de visualización consistente en seis cubos de 50” cada un, integrados entre si, e que ofrecen una resolución total de 4200 x 2100 pixels. Empregan a última tecnoloxía de visionado, con pantallas de alta calidade, contraste e antirreflexos. O seu sistema de dobre lámpada con conmutación automática e cambio en quente asegura a máis alta dispoñibilidade, imprescindible para un centro de emerxencias. Dispón de múltiples entradas de vídeo composto, VGA e rede, o que permite capturar a imaxe de calquera dos PCs do centro de coordinación, ou de calquera outro accesible dende a rede de datos da Xunta. Integra, á súa vez, as cámaras de vídeo dispoñibles en puntos estratéxicos do territorio e todas as aplicacións empregadas na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Ao mesmo tempo, implántase un centro avanzado de comunicacións, informatizando o teléfono 085 de aviso de incendios forestais. Cada chamada é recibida no centro de coordinación provincial correspondente, en función da orixe da chamada, e rexistra cada incidencia no servidor de datos central. En caso de saturación dun centro de coordinación, ou de caída do servizo por avaría grave, as chamadas se redirixen dende o centro de coordinación en San Lázaro, e poden recepcionarse no propio centro ou onde se estime conveniente. A partir desta innovación, pode controlarse o número de chamadas recibidas e atendidas, a orixe e duración das mesmas, e toda aquela outra información pertinente propia dun centro de atención telefónica avanzado.

Vehículos de posto de mando avanzado

Os dous vehículos dispoñen dos elementos necesarios para desenvolver labores de coordinación dos operativos de intervención sobre o terreo, na súa función de posto de mando avanzado. Así mesmo, permiten ofrecer información a través de imaxes co obxecto de detectar focos incipientes e puntos quentes do terreo.

Cada vehículo está dotado dun sistema de vixilancia con cámara térmica e circuíto pechado de televisión. Leva un sistema de posicionamento que permite que o equipamento vaia oculto no interior de vehículo durante os traxectos. As imaxes tomadas facilitarán a toma de decisión e axudarán nas tarefas de coordinación de efectivos terrestres e áreos, a través da detección de focos incipientes e puntos quentes.

A adaptación interna dos vehículos permite dispor de ata tres postos de traballo no seu interior, con equipos informáticos e de comunicacións para banda de terra e banda aérea. O acondicionamento exterior dá a posibilidade de habilitar un espazo para recibir e prestar apoio aos efectivos presentes na área do incendio. Inclúe un toldo exterior e un monitor de 40”  no que se poderá visualizar a información que resulte de interese para os medios presentes na área.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital