Home  
 
 
 
 
  O Centro de Saúde de Verín acolleu este xoves unha sesión na que participaron a xefa da Unidade de Violencia de Xénero, Purificación Álvarez, e o subdirector do Imelga en Ourense, Julio Jiménez
Afondan nas técnicas de recoñecemento dos signos e lesións propias do maltrato e no novo modelo de parte de lesións específico
A iniciativa coordinada entre a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde e a Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno de Ourense estenderase ao conxunto de centros de saúde e hospitais
 
 
Os profesionáis sanitarios siguen afondando nas técnicas para recoñecer os casos de violencia de xénero
15 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O Centro de Saúde de Verín acolleu este xoves unha sesión clínica sobre o manexo e detección da violencia de xénero á que asistiron, ademais dos seus profesionais sanitarios, a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno de Ourense, Purificación Álvarez, e o subdirector do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) en Ourense, Julio Jiménez, nunha iniciativa que pretende mellorar a detección precoz de casos de maltrato desde os centros sanitarios públicos.

A iniciativa, coordinada entre a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde e a Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno de Ourense, na que participan a Xerencia de Atención Primaria e o Imelga, estenderase ao conxunto de centros de saúde e hospitais da provincia, enmarcada no Plan Nacional de Sensibilización e Prevención da Violencia de Xénero e no compromiso de colaboración entre as institucións públicas para actuar e defender as mulleres víctimas da violencia.
Nas sesións de traballo, ademais de afondar nas lesións e signos externos mais característicos do maltrato, mellor coñecidos polos profesionais sanitarios, abórdase outra problemática de especial importancia: son aqueles casos que poden pasar moitas veces inadvertidos, pacientes con moitas visitas ó centro,  que refiren síntomas vagos, ou doenzas inespecíficas no que semellan ser cadros somáticos que poderían ocultar unha muda solicitude de axuda e atención aos profesionais, ante o medo o reparo a explicar o que verdadeiramente lles ocorre.

Ante estes casos, o representante do Instituto de Medicina Legal, Julio Jimenez, recomenda aos profesionais unha atención mais directa e pausada desde a consulta, para tentar clarexar o verdadeiro motivo e orixe do problema, na procura dunha detección precoz do maltrato doméstico.
Ademais das distintas iniciativas de coordinación co resto de institucións públicas a Consellería de Sanidade tamén conta cunha liña de atención específica ao problema dos malos tratos, incluída dentro do proxecto de “Mellora da atención e asistencia sanitaria a mulleres vítimas de violencia de xénero”, que forma parte do conxunto de medidas recollidas no Plan de atención integral á Muller.

Nesta liña, ven de distribuírse ao conxunto de centros do Servizo Galego de Saúde en Galicia o novo modelo de parte de lesións, elaborado especificamente para os casos de violencia de xénero. Este foi outro dos aspectos abordados nas sesións clínicas, xa que ao cubrilo é moi importante que o profesional sanitario sexa o mais rigoroso e conciso posible na descrición e localización das lesións detectadas para, deste xeito, facilitar a determinación do orixe ou causas das mesmas, aspecto de gran importancia na vía xudicial do proceso. Asemade, é especialmente importante descartar agresión sexual - nun 70% dos casos ambos tipos de agresión conflúen - e de confirmalas requiren un protocolo diferenciado. 

Ademais de en Verín, as sesións clínicas xa se teñen celebrado nos centros de saúde A Carballeira e Novoa Santos, en Ourense, e continuarán celebrándose no conxunto de centros da provincia, a próxima o 4 de marzo en Xinzo de Limia, incluídos os dous hospitais comarcais e o Complexo Hospitalario de Ourense.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital