Home  
 
 
 
 
  As comarcas do Eume, da Ulla e do Ribeiro promocionan tanto os seus produtos coma os seus territorios nos mercados de fóra de Galiza a través dunha iniciativa promocional da Sociedade para o Desenvolvmento Comarcal de Galiza presentada este luns en Santiago de Compostela. A iniciativa servirá para contribuír ao “desenvolvemento integral do medio rural galego a través da promoción tanto dos seus produtos agroalimentarios coma do seu potencial turístico”, sinalou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López Iglesias.
 
 
O Ribeiro enrólase nunha campaña conxunta coas comarcas do Eume e da Ulloa de promoción dos seus produtos e territorios  
12 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

O director xeral de Desenvolvemento Rural presentou na mañá deste luns en Santiago de Compostela a iniciativa “Rutas agroalimentarias. Promovendo o desenvolvemento integral do medio rural. A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza participa, xunto con outros socios europeos, no proxecto Cantata, cofinanciado pola iniciativa comunitaria Interreg III B Espazo Atlántico, que se está a desenvolver nestas tres comarcas galegas. Segundo o director xeral de Desenvolvemento Rural, "este proxecto contribúe ao desenvolvemento sostible, apostando por un modelo turístico diferente que favorece a diversificación económica e identifica produtos turísticos baseados na cultura e nos recursos da zona". Segundo López Iglesias,“o deseño e a posta en marcha de rutas agroalimentarias pretende contribuír a materializar un produto turístico único e diferenciado da oferta xa existente”, sinalou durante o acto.

Estes itinerarios forman parte dunha estratexia de promoción integrada que vai máis alá da comercialización e que contribúe a mellorar o coñecemento tanto dos produtos como destas zonas nos mercados de fóra de Galiza. Para deseñalos, estableceuse unha rede de cooperación entre empresas, institucións e asociacións relacionadas coas actividades produtivas, industriais e comerciais, así como con empresas de actividades turísticas. Deste xeito, chegouse a acordos de colaboración con diferentes empresas agroalimentarias que facilitaron algúns dos seus produtos para establecer canles de comunicación co consumidor final.

Para a comarca do Ribeiro deseñouse unha etiqueta para as botellas de viño das 21 adegas da Denominación de Orixe que se adheriron ao proxecto e nas que se convida o consumidor a coñecer a zona na que se elabora ese produto. Estableceuse tamén unha colaboración para rotular o autobús que une a cidade de Vigo co aeroporto Sá Carneiro do Porto (Portugal) co lema “Descubre O Ribeiro”. Aos viaxeiros entregaráselles un porta billetes, cun mapa desta comarca no interior, e mais unha guía do Ribeiro. Esta publicación entregaráselle tamén aos usuarios do catamarán que navega polo río Miño e poderase consultar na páxina web de Comarcas de Galiza: www.comarcasegalicia.com.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital