Home  
 
 
 
 
  Sinalou que o sistema educativo galego actual ten gañado en cualificación, en igualdade e en xustiza, situándose en consonancia coas demandas da sociedade
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, inaugurou en Ourense a reforma do Paraninfo do IES Otero Pedraio, no que se teñen investido máis de 325.000 euros.
Alude ao papel desenvolvido polo Paraninfo como centro cultural na cidade das Burgas e pon de manifesto a “beleza artística singular” deste espazo.
Sinalou Pérez Toutiño tamén, que a Lei da Memoria Histórica “axúdanos hoxe a interpretar” os “escuros episodios” acontecidos no Paraninfo e a recoñecer “a dignidade, a valentía e a forza dos que foron represaliados e perseguidos inxustamente”
 
 
"O espírito do Paraninfo está de novo entre nós", sinalou o presidente da Xunta ao inaugurar a remodelación do Otero Pedrayo  
12 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou que na actualidade Galicia conta cun sistema educativo “que ofrece máis oportunidades, que gañou en cualificación, que progresou en igualdade e que se fixo máis xusto”. No transcurso da inauguración da remodelación do Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo desta cidade, Pérez Touriño salientou que a Lei da Memoria Histórica “axúdanos hoxe a interpretar” os “escuros episodios” acontecidos no Paraninfo e a recoñecer “a dignidade, a valentía e a forza dos que foron represaliados e perseguidos inxustamente”.

Na restauración do Paraninfo do Otero Pedrayo desta cidade investiu a Xunta máis de 325.000 euros. Nese marco, Touriño puxo en valor a “beleza arquitectónica singular” do lugar e aludiu ás figuras do eido da cultura que realizaron estudos no instituto no que se sitúa o Paraninfo, entre eles o “núcleo vivo e verdadeiro da Xeración Nós”. “Foi escenario de pensamento ilustre de grandes mestres galegos como Julián Besteiro, Ramón Otero Pedrayo, Marcelo Macías, Rodríguez Bouzo ou Jesús Soria”, significou Touriño “e tamén o berce cultural de prestixiosos alumnos que, seguindo os pasos dos seus mestres teceron unha traxectoria cultural salientable como Vicente Martínez Risco, Luís González Seara, Carlos Casares, Alfredo Conde ou José Ángel Valente”. Tamén destacou o presidente que o IES Otero Pedrayo foi o lugar de estudos onde persoeiros do mundo da política como Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural, e Elena Espinosa, ministra de Agricultura.

Paralelamente, Emilio Pérez Touriño indicou que o Paraninfo do IES Otero Pedrayo, xunto aos seus “momentos de gloria” que serviron para construír “coñecemento” e “futuro” foi marco de “episodios escuros onde a sombra eclipsou a brillante traxectoria pola paz e a vida que caracterizaba a esta institución”. Segundo sinalou Touriño, “a Guerra Civil e os primeiros anos da posguerra romperon a digna actividade que se levaba a cabo neste espazo cultural, pervertido impunemente, aldraxado e empregado como sede de xuízos sumarísimos naquela época”. O titular do Goberno galego engadiu que está época estivo chea de “momentos de desprezo, de medo e de represión” que hoxe “lembramos para dignificar a memoria das vítimas”. Neste sentido, indicou que a Lei da Memoria Histórica “axúdanos a interpretar estes escuros episodios e a recoñecer a dignidade, a valentía e a forza dos que foron represaliados e perseguidos inxustamente”.

O titular do Goberno galego afirmou que agora, coa reforma desenvolvida, o “espírito do Paraninfo está de novo entre nós, e os galegos temos a oportunidade de seguir escribindo a súa historia”. “Dos protagonistas do Paraninfo no pasado século herdamos o interese polo coñecemento, a defensa da nosa cultura e o valor para situar Galicia na cúpula do progreso”, afirmou Pérez Touriño quen, sinalou ademais, que”o progreso segue a xerarse, necesariamente, desde a base da Educación”.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital