Home  
 
 
 
 

Agustín Fernández, concelleiro de Economía e Facenda

 
  “Estou asombrado da impericia orzamentaria que mantiveron agachada os populares durante 12 anos, e que agora se manifesta porque non entenden nin o documento”, sinalou o concelleiro de Economía e Facenda, Agustín Fernández, nada máis coñecer as enmendas que o PP anunció aos Orzamentos do 2008 do Concello de Ourense, e as pegas que o seu portavoz, Enrique Novoa, lle pon as previsións orzamentarias feitas polo equipo de Francisco Rodríguez, alcalde.
 
 
O concelleiro de Economía recalca que, fronte a "esclerose política do PP", os Orzamentos atenden as necesidades reais do cidadán
9 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ourense, Agustín Fernández Gallego, contestou de inmediato ás declaracións realizadas polo popular Enrique Novoa “Poly” sobre os orzamentos municipais para 2008. Segundo Gallego, os responsables de PP exhiben un “total descoñecemento da técnica orzamentaria”, o cal explica a nefasta xestión económica dos últimos 12 anos “coas facturas impagadas agachadas nos caixóns, a amnistía fiscal ós morosos, a incapacidade de xestionar o solo e a falla de capacidade de xerar recursos para tódolos ourensáns”.
Agustín Fernández Gallego saiu ó paso das declaracións populares que califican os orzamentos como “imprudentes” e de “ciencia ficción” afirmando que o documento para 2008 “está pensado para satisfacer as necesidades reais de tódolos ourensáns: centros de saúde, zonas verdes, un mellor abastecemento de auga, máis servicios sociais e uns barrios dignificados”, e non para “perpetuarse na demagoxia e na incapacidade de xestión”, como a que caracterizou o periodo do PP no Concello.
O concelleiro de Economía lembrou que o PP non foi quen de dar esa resposta que demandaban os cidadáns, “abandoando a xestión tributaria, regalando o patrimonio público ó non cobrar a precio de mercado a xestión do solo, e deixando pasar a oportunidade de modernizar a administración local”.

Así, como mostra da falla de credibilidade dos populares, Gallego lembrou que o informe da Intervención no ano 2007 plantexaba que “o orzamento do 2007 incumple a necesidade de reinvertir os aproveitamentos urbanísticos na conservación e ampliación do patrimonio municipal do chan, polo que adolece dun defecto que deberá ser subsanado baixo pena de nulidade”, ó que o PP non fixo, evidentemente, caso.

Amnistía fiscal

Así, culpou ó PP de “querer perpetuar a amnistía fiscal que decretaron sobre os morosos, que só son unha pequena parte de ourensáns” –sinalou- “e que crean un agravio comparativo cos demáis ó non pagar os seus impostos”.

Finalmente, Fernández Gallego lembrou ó PP que os orzamentos pivotan “nunha cuestión de credibilidade ante ós cidadáns. Eles non a teñen, como amosaron as furnas ó pasado mes de xuño. O tempo dirá si a execución dos orzamentos é posible e, en comparanza, canto tivo de nefasta a deficiente xestión económica dos gobernos do PP”.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital