Home  
 
 
 
 

Ricardo Varela

 
 

A Consellería de Traballo destinará en 2008 un orzamento de 17,7 millóns de euros á posta en marcha de actividades de formación para o emprego na provincia de Ourense. Así o avanzou o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, durante a inauguración este xoves do centro de formación profesional da Fundación Galega do Metal (Formega). Segundo o titular de Traballo, o número de beneficiarios destas accións formativas ascenderá aos 8.900 ourensáns.

 
 

O conselleiro de Traballo anuncia máis de 17 millóns de euros para formación e emprego dos que se beneficiarán casi 9.000 ourensáns

 
26 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

O responsable da Xunta sinalou que para as actividades de formación ocupacional (dedicada aos traballadores en situación de desemprego) reservouse unha partida orzamentaria de 11 millóns de euros, coa intención de ofrecer formación profesional en 2008 a 4.400 demandantes de emprego (1.800 homes e 2.600 mulleres). Varela aclarou que no conxunto da Comunidade galega a partida dirixida a estas accións ascende aos 63 millóns de euros, dos que se beneficiarán 13.500 desempregadas e 10.000 desempregados.

O conselleiro de Traballo realizou unha fotofixa da situación do mercado de traballo da provincia de Ourense. Salientou que a media anual de persoas afiliadas á Seguridade Social é de 111.307 afiliados, das cales 3.960 (un 4%) traballan en empresas vinculadas á actividade do metal. Precisou que nos dous últimos anos o incremento de afiliación na provincia foi de 6.144 persoas (un 6%) e que o 63% do incremento de afiliación corresponde ás mulleres. Detallou que as mulleres afiliadas representan o 43% do total de afiliación, polo que se crea emprego a bo ritmo e, fundamentalmente, feminino.
En relación co paro rexistrado, o representante da Xunta explicou que a media de 2007 en Ourense é de 19.015 parados e engadiu que a redución sobre o ano 2005 foi dun 11%. Deste total, o 25,4% foron desempregados menores de 29 anos.
Por outro lado, remarcou que a contratación indefinida experimentou un incremento de 9.160 contratos indefinidos sobre o 2005, o que en termos porcentuais supón un ascenso dun 31%, porcentaxe que no caso das mulleres increméntase ata un 39%.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital