Home  
 
 
 
 
 

Co apoio da Escola Superior de Informática do Campus de Ourense, o Concello da capital proxecta "un ambicioso plan de renovación informática", que conlevará, así mesmo, a simplificación administrativa e Internet Wifi en varios puntos da cidade. O chamado “Plan Municipal de Desenvolvemento da Sociedade da Información” tenta que a cidade non se quede descolgada nunha carreira na que Ourense non leva ventaxa, precisamente, dado o pouco que os anteriores gobernos lles importou que se agrandara a chamada fenda dixital.

 
 

O Concello anuncia a "revolución informática" que Ourense precisa para non quedarse descolgada da Sociedade da Información

22 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
   

Informatizar e simplificar todos os procesos administrativos do Concello, achegar a tódolos ourensáns as vantaxes da administración electrónica e crear unha rede Wifi na cidade que permita a prestación de novos servicios como teleasistencia e actividades  culturais son os obxectivos do “Plan Municipal de Desenvolvemento da Sociedade da Información”, que o Concello de Ourense ven de botar a andar esta semana, co obxectivo de "promover unha revolución tecnolóxica na administración local e na sociedade ourensá durante os próximos catro anos".  Iniciado polas concellerías de Economía e Facenda e a de Servicios Xerais e Recursos Humanos, contará coa colaboración da Escola Superior de Informática do Campus de Ourense.

Explican ao respecto os responsabeis municipais, que "pese á globalización dos avances informáticos acontecida na última década, o Concello de Ourense non aproveitou eses anos para introducir a administación electrónica e a sociedade da información en Ourense". Así, duas capitais galegas téñense adiantado a Ourense en número de fogares con acceso a Internet (A Coruña 36%, e Pontevedra co 24%, fronte ó 19% de Ourense) e mesmo algúns municipios rurais teñen tomado a dianteira na instalación de redes sen fíos, Wifi, coma no caso da Estrada.

Segundo os responsabeis do Concello de Ourense nesta materia, "a denominada fenda dixital aparece hoxendía coma un dos principais lastres de crecemento da economía ourensá, co mencionado 19% de fogares con ordenador e acceso a Internet, fronte á media española do 41%".
Asimesmo, destácase que "o nulo interese de anteriores corporacións pola informatización do Concello e a aplicación da administración electrónica provocan unha forte ralentización dos procesos administrativos municipais".

Invertir a situación

Para invertir esta situación, o Concello ven de encargar esta semana os proxectos que materializarán o “Plan  Municipal de Desenvolvemento da Sociedade da Información”, que comprenderá todo o Concello con carácter estratéxico e plurianual.
O Plan está deseñado en varias fases, escomenznado coa implantación da administración electrónica, gracias ó Sistema Integrado de Xestión Municipal (SIGEM), un moderno xestor informátivo desenvolvido polo Ministerio de Industria e Turismo, que permite ós cidadáns interactuar electrónicamente coa administración.
Unha vez se complete a implantación do SIGEM no Concello de Ourense, os cidadáns contarán con formularios electrónicos, firma electrónica, notificacións telemáticas e, o máis novidoso, a posibilidade de coñecer o estado de tramitación dos seus expedientes en tempo real.
Igualmente, os ourensáns poderán solicitar telemáticamente subvencións, axudas e licencias, realizar pagos, recibir noticias do estado da súa petición, información sobre a falta de algún documento e, finalmente, disfrutar das vantaxes da cooperación entre distintas administracións, ó eliminar incómodas duplicidades como a petición de certificados entre organismos.

Wifi e teleasistencia

O Plan contempla, así mesmo, a extensión dunha rede na Wifi cidade  necesaria para o deseño e a implantación de servicios, aplicacións e usos sociais, asistenciais –coidado e vixiancia de maiores ou nenos-  culturais –retransmisión de eventos- ou mesmo Protección Civil.
"Gracias á cobertura  Wifi desenvolveranse programas de asistencia a maiores ou persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade, o que permite que permanezan no seu fogar persoas vulnerables, que non precisen de coidados permanentes e garantindo un enlace de comunicación continuo co domicilio e a atención inmediata en caso de emerxencia", sinalan os promotores muncipais deste Plan. 

O Plan Municipal de Desenvolvemento da Sociedade da Información tamén contempla o programa “Concello de Ourense Accesible”, para garantir o acceso universal á información municipal sobre o estado dos expedientes, incluso a traverso de SMS, para recibir nos seus teléfonos información de interese sobre eventos, noticias, oposicións ou concursos.
Asimesmo, se creará unha Plataforma para Asistencia a Concursos e Licitacións, que facilite ás empresas os procedementos para contratacións e licitacións públicas, con garantías de interoperatividade, seguridade nas transaccións, transparencia e publicidade.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital