Home  
 
 
 
 
  A Xunta de Goberno do Concello de Ourense deu este xoves luz verde a un novo vial interior no Complexo Hospitalario, que dará servicio e mellorará a accesibilidade as novas Urxencias do CHOU.
Ademáis, a Xunta de Goberno aprobou definitivamente os estatutos e bases de actuación para o desenvolvemento urbanístico da Área de Reparto 1 O, “Vistahermosa”, o que supón o inicio do expediente que rexirá o crecemento desta zona da cidade.
 
 
A Xunta de Goberno Local dalle luz verde ao novo vial para Urxencias do CHOU e o crecemento de Vistahermosa  
18 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

A Xunta de Goberno Local, na súa xuntanza desta mañá, aprobou, a pedimento da División de Recursos Económicos do Sergas, Consellería de Sanidade, o proxecto básico e de execución dun novo vial interior que dé servicio e mellore a accesibilidade ó novo Servicio de Urxencias do Complexo Hospitalario de Ourense. As obras serán financiadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia
O proxecto forma parte do Plan Director do Complexo Hospitalario, e permitirá facilitar un novo acceso ó novo edificio que acolle o Servicio de Urxencias, ó tempo que completar o vial que circunvala o Hospital na súa totalidade. Tamén se acomete a urbanización adxacente a esta rúa e a súa conexión co novo inmoble, prevendo tamén o acceso ó Servicio de Farmacia, para o seu abastecemento.

Vistahermosa

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente os estatutos e bases de actuación para o desenvolvemento urbanístico da Área de Reparto 1 O, “Vistahermosa”. Este acordo supón o inicio do expediente urbanístico que rexirá o crecemento desta zona da cidade, co desenvolvemento dun polígono de 6.357 metros cadrados de superficie, delimitado polas rúas Matilde Lloria, Pena do Vado, Rúa do Seminario e Vicente Viqueira (ver plano 13-0 do Plan Xeral de Ordenación Municipal).
Trátase dunha área de solo urbano non consolidado, destinada a uso global residencial, na que se define unha parcela edificable de 1.680 metros cadrados, na que se construirán unhas 60 vivendas, cunha tipoloxía de bloque aberto cunha altura máxima equivalente a 5 plantas. A zona restante da parcela acollerá rede viaria (1.388 m2), espacios libres (416) e equipamentos (2.873 m2).

O desenvolvemento desta área de reparto permitirá acometer a ampliación da rúa Matilde Lloria e a obtención e urbanización de solo para un equipamento docente, entre as rúa Pena do Vado, Seminario e Vicente Viqueira, fundamental para atender as necesidades presentes e sobre todo futuras dos barrios de Vistahermosa e O Couto.
A aprobación dos estatutos e bases de actuación inicia o desenvolvemento urbanístico desta área de reparto. Os seguintes pasos serán a constitución da xunta de compensación, presentación e aprobación de proxecto de compensación e proxecto de urbanización e posterior concesión das preceptivas licencias de edificación.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital