Home  
 
 
 
 

O Consello Galego de Relacións Laborais é o órgano ao que agora se dirixen CSIF e Comisións Obreiras para exporlle o caso dos 1.400 traballadores de Prevención e Extinción de Incendios Forestais aos que a Xunta lles sigue negando o trato que se lle dispensa ao resto dos traballadores da administración autonómica. Os dous sindicatos manifestan que esta nova acción se produce "diante do fracaso mediador do Valedor do Pobo", que imputan á "falla de vontade negociadora da Consellería de Medio Rural".

 
 
 

O caso dos traballadores do lume recala agora no Consello Galego de Relacións Laborais

12 de XANEIRO DE 2008: OURENSE DIXITAL

CSIF e CCOO informan, que mediante escrito de día 9 de xaneiro, veñen de solicitar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, "diante do fracaso mediador do Valedor do Pobo, motivado pola intransixencia, intolerancia e pola falla de vontade negociadora da Consellería de Medio Rural".
No correspondente escrito, CCOO e CSIF expóñenlle ao Consello Galego de Relacións Laborais que, "despois de mais de dous anos de conflitividade, os mais de 1400 traballadores/as do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), seguen agardando por un acordo digno de condicións de traballo".

Por esta acción, as organización sindicais mencionadas fanlle saber ao Consello Galego de Relacións Laborais que a Consellería de Medio Rural intentou impoñer un acordo de eficacia limitada asinado no mes de xullo de 2006 só por CIG-UGT, acordo que foi anulado por ilegal en tódolos seus termos, por unha Sentencia do TSXG de data 6 de marzo de 2007.
CCOO e CSIF tamén sinalan que, "a pesar da ilegalidade do acordo de eficacia limitada, a Consellería de Medio Rural, en vez de abrir un novo proceso de negociación, como sería lóxico, limitouse a continuar cunha política de acoso e persecución contra as organizacións sindicais, non asinantes do acordo". Situación, expoñen, que derivou, entre outras accións, nunha "aplicación discriminatoria e de incumprimento co persoal fixo-discontinuo, no momento do chamamento inicial, confirmada por varias sentencias xudiciais recentes".

Desde CCOO e CSIF solicítase ao Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, unha intervención decidida neste conflito laboral "para que sente nunha mesa as dúas partes en conflito e propicie unha solución negociada ao conflito que afecta aos máis de 1400 traballadores/as fixos e fixos-discontinuos, así como os demais contratados temporais do SPDCIF".
Por último CSIF e CCOO, tralo que insiste en cualificar de "fracaso mediador do Valedor do Pobo", avoga porque esta vez a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais "non se atope novamente coa intransixencia de Medio Rural".

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital