Home  
 
 
 
 
 

Á firma do protocolo de colaboración entre Concello e Sanidade da Xunta de Galicia para a cesión dos terreos onde se construirán os novos centros de Saúde de O Couto e O Vinteún, o SERGAS bótalle a conta a atención médica na capital ourensán: un de cada cinco veciños de Ourense contará cun novo centro de saúde, e a estrutura da Atención Primaria da cidade medrará nun 40%. Pola súa banda, o alcalde destacou que "en seis meses se lograron resolver os problemas que levaban dez anos atascados".

 
 

Rodríguez dí que en seis meses se logrou o que non en dez anos para os centros de saúde de O Couto e O Vinteún

 
10 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

Consellería de Sanidade e Concello de Ourense asinaron este mércores o protocolo de colaboración para a construción dos novos centros de saúde de O Couto e O Vinteún, na capital ourensá. Segundo a Consellería de Sanidade, estes dous novos centros ampliarán nun 40% a rede de Atención Primaria na cidade, e farán que un de cada cinco veciños da capital conten cun novo centro de Atención Primaria.
No protocolo asinado pola conselleira María Xosé Rubio co alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, fíxanse tódolos pasos que seguirá o proceso. Así, o Concello de Ourense comprométese a realizar os trámites urbanísticos oportunos, á cesión libre de cargas dos terreos cunha superficie mínima cada un de 3.500 metros cadrados, e tamén a asumir os custes da urbanización dos mesmos.
Pola súa banda, O Servizo Galego de Saúde comprométese a elaborar, supervisar e aprobar o proxectos dos dous centros, e a contratar, dirixir e executar as obras de ambos.

Asistencia a case 30.000 ourensáns

Segundo as estimacións da Consellería de Sanidade, estes dous novos centros darán servizo, unha vez rematados, a case 30.000 veciños da capital, 18.500 do barrio de O Couto e 10.000 no Vinteún. Precisamente destacou a este respecto o rexedor municipal ourensán, a ventaxa que os novos centros suporán para os veciños de O Couto e O Vinteún, pero tamén para os de toda a cidade xa que, segundo Francisco Rodríguez, "isto vai permitir desconxestionar os centros Novoa Santos e o de A Ponte, a onde hasta agora teñen que acudir estes veciños".
Así mesmo, destacou o alcalde de Ourense o feito de que "en seis meses se lograron resolver os problemas que levaban dez anos atascados", referíndose, sobre todo, ao longo proceso de atopar os terreos axeitados para a contrución dos dous centros en cuestión.
Unha vez construídos estes dous novos centros de saúde, o SERGAS recalca que "a estrutura de Atención Primaria na cidade incrementarase nun 40% ao pasar dos cinco centros actuais a sete en toda a cidade, ademais do Punto de Atención Continuada situado no Centro de Especialidades".

Volver atras
Imprimir Página
 
  María Xosé Rubio, conselleira de Sanidade
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital