Home  
 
 
 
 

A licitación da continuidade do Plan Director e a posta en marcha da hemodinámica e da radioterapia nuclear, xunto a diminución da espera para probas diagnósticas, son algúns dos principais obxectivos para 2008 do Complexo Hospitalario de Ourense que se marcan os seus reponsábeis para ese novo ano. Entre os logros acadados no 2007, a Dirección do CHOU subliña, no eido asistencial e de xestión, a apertura do novo edificio cirúrxico e as ampliacións do Xeral.

 
 
 

O CHOU fai previsións de cara a 2008: hemodinámica, radioterapia nuclear e máis Plan Director

3 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

"O complexo continuou a liña de traballo dos dous anos anteriores nos que se rebaixou significativamente a lista de espera cirúrxica, que continúa nunha excelente tendencia a baixa, polo que os seus esforzos centráronse neste en dar un pulo definitivo a redución da demora para primeiras consultas". Así se expresan os responsábeis sanitarios do Complexo Hospitalario de Ourense ao facer balance do ano que rematou, 2007, e fixar as prioridades de cara ao 2008.
Sinalan que a situación de satisfacción en xeral que lles produce a "conta de resultados", está referendada polo feito de que "os datos acadados a fin de ano sitúan ao hospital ourensán á cabeza dos centros hospitalarios de Galicia e son homologables aos dos centros con mellores resultados asistenciais a nivel estatal". E xunto a isto, "os controis de calidade realizados periodicamente demostraron unha mellora na calidade dos coidados de Enfermaría ofertados aos pacientes nestes dous últimos anos".

Entre os principais logros no eido asistencial e de xestión do ano que remata, destacan os responsábeis do SERGAS en Ourense a apertura do novo edificio cirúrxico e as ampliacións do Xeral, a redución da espera para consultas, os novos equipamentos tecnolóxicos e técnicas, e a apertura de novas unidades de hospitalización, como as salas de prealta, tránsito e ingreso polivalente co necesario incremento de persoal de enfermería para elo, tentando evitar a permanencia na área de urxencias dos pacientes aos que se lles prescribe o ingreso,  mellorando ademais a súa confortabilidade e a dos seus familiares. "Todo elo, xunto a potenciación da Hospitalización a Domicilio, supuxo un gran esforzo para avanzar na humanización da hospitalización no CHOU", sinalan dende o SERGAS.

Modernizar e ampliar o hospital no 2008

A Revisión do Plan Funcional e do Esquema Director do CHOU, "nado para superar a situación de parálise xerada pola problemática dos terreos necesarios para as novas construcións", terá un especial protagonismo no 2008 e resulta ser un dos principais obxectivos dos responsábeis do CHOU para este novo ano.
O SERGAS tamén confía que no ano recentemente estreado se dará cumprimento a algunhas das demandas históricas dos ourensáns, coa posta en marcha dunha sala de hemodinámica, para diagnóstico e tratamento cardiolóxico, e da atención integral oncolóxica con dous aceleradores nucleares para tratamento radioterápico, que evitarán o traslado de pacientes fora da provincia.

Outro dos grandes obxectivos para o ano entrante é a consolidación e mellora das listas de espera cirúrxica e de consultas. Destacando como obxectivo prioritario neste eido a diminución dos tempos de espera para a realización probas diagnósticas.
Asemade, procederase a unificación e/ou ampliación das áreas de consultas e/ou gabinetes de Traumatoloxía, Cardioloxía, Dixestivo, Neumoloxía, Hematoloxía, Anestesia, Clínica da Dor, Oftalmoloxía e Xinecoloxía. Acollendo, este último servizo, un plan piloto a nivel autonómico para a oferta de parto natural.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital