Home  
 
 
 
 
 

Dende que en xuño de 2007 abriu portas, pasaron polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galiza ubicado no Pazo de Fontefiz do concello ourensán de Coles 4.000 persoas. Aproveitando a xornadas de portas abertas organizada por Medio Rural este venres, o delegado da Consellería en Ourense, Xosé Rodríguez Cid, aproveitou para valorar o feito das visitas como "unha oportunidade perfecta para darlle a coñecer o mundo agropecuario ás novas xeracións e fomentar o seu aprecio por un sector que foi e segue sendo estratéxico na nosa economía”.

 
 

En ano e medio de vida, 4.000 persoas se achegaron ao Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia en Fontefiz

 
2 de ENERO de 2008: OURENSE DIXITAL

Segundo o delegado provincial en Ourense de Medio Rural, Xosé Rodríguez Cid, dende xuño de 2006 no que abriu as portas ata finais deste 2007, visitaron o Centro de Fontefiz en Coles arredor de 4.000 persoas, fundamentalmente escolares de centros educativos de toda Galiza. Para o delegado, estas visitas supoñen "unha oportunidade perfecta para darlle a coñecer o mundo agropecuario ás novas xeracións e fomentar o seu aprecio por un sector que foi e segue sendo estratéxico na nosa economía”.
As afirmacións de Rodríguez Cid foron feitas no transcurso dunha xornada de portas abertas do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galiza ubicado no Pazo de Fontefiz do concello ourensán de Coles, no que o delegado aproveitou para facer balance de visitas ao longo do ano e medio de vida do Centro.

Segundo os datos de Medio Rural, foron 2.336 rapaces e 930 adultos os que pasaron polo Pazo de Fontefiz. As instalacións albergan a maior explotación de gando vacún da provincia, con 153 cabezas das principais razas autóctonas (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa), así como un rabaño de 15 reprodutoras de ovella galega, dous lotes de porco celta, máis dun cento de exemplares de galiña de Mos, tres cabalos de Pura Raza Galega.
Á vista destes datos, o Centro de Coles é o principal referente do País en materia de recuperación, conservación e promoción das razas autóctonas, “cumprindo un importante servizo á comunidade gandeira”, salientou o director Carlos López Franco. A modo de exemplo referiuse á cesión dos excedentes do Programa de recuperación de bovino a aqueles gandeiros interesados en introducir ou incrementar a súa cabana gandeira con exemplares destas razas. “En concreto, -explicou- nos últimos dous anos cedéronse 163 vacas reprodutoras e vendéronse outros 92 touros, unha iniciativa que, sen dúbida, contribúe a mellorar a calidade e a xenética das explotacións galegas”.
Pola súa banda, o delegado provincial destacou a importancia de “abrirlle as portas do centro a toda a cidadanía” co obxectivo de transmitirlle os saberes tradicionais do sector agrario, “un aceno que agradecen especialmente as persoas de maior idade que naceron e/ou viven no rural” e de dignificar a profesión agraria, “especialmente entre os máis novos”, coa finalidade de que perciban esta actividade como atractiva e como unha forma de vida digna.

Volver atras
Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital