Home  
 
 
 
 
 

Ó non haber un protocolo de seguridade que fixase por escrito á persoa encargada da custodia e da entrega da recadación, os traballadores fóronse, pecharon a porta, os da empresa encargada de recollelos non poideron entrar, e o día seguinte os cartos xa non estaban cando as portas abriron.

 
Noticias Relacionadas
  Agustin Fernández recalca que as medidas adoptadas polo novo goberno foron axeitadas e necesarias
 
 

Os cartos da Recadación do Concello desapareceron abandonados a súa sorte polos traballadores do servizo

 
29 de DECEMBRO de 2007: OURENSE DIXITAL

A investigación interna instruída por responsables de persoal do Concello de Ourense para aclarar cómo e por qué desapareceron 30.000 euros da Recadación o pasado mes de xullo, detectou unha grave carencia no sistema: a ausencia “dun protocolo de actuación escrito para a entrega do diñeiro á empresa de seguridade”, o que provocaría un fallo na cadea de custodia que permitiu que se producise a desaparición dos cartos. 
A investigación establece que un fallo informático propiciou que se deixasen de cobrar recibos ás 11,40 do día 11 de xullo. Os funcionarios continuaron desenvolvendo o seu labor contable, cadrando as caixas e depositando o diñeiro dentro da saca correspondente, como era habitual neste servicio, á espera da súa recollida por unha empresa de seguridade.

Entre ese momento e algúns intres antes das 14.00 horas produciuse o fallo na cadea de custodia que propiciou a desaparición dos cartos. A investigación determina que a esa hora os traballadores, finalizada a súa xornada laboral, abandonaron a oficina de recadación. Pouco despois personouse na oficina o equipo da empresa de seguridade encargada de recoller os cartos, que ó atopala pechada, consultou coa súa central, “dende onde se lles dixo que continuasen a súa ruta, deixando sen recoller a saca  cos cartos”.
Os traballadores de seguridade marcharon, e as instalacións permaneceron pechadas, o que permite establecer que a desaparición dos cartos aconteceu  entre as 11.40 do día 11 de xullo e algún momento antes da apertura da oficina ás oito da mañá do día seguinte.

A investigación interna deixa claro que “na Relación de Postos de Traballo non está especificamente establecida a tarefa de entregar a saca co diñeiro á empresa de seguridade”. Recoñece a posible existencia dun “descoido ou neglixencia no exercicio das súas funcións por parte da persoa encargada de entregar a saca co diñeiro”, pero o non “estar especificamente atribuída esta función a un posto determinado”, sinala que “podería entenderse que existe un descoido ou neglixencia indeterminado, ou incluso colectivo”.
O informe  interno admite que esta posibilidade podería xustificar a incoación de expedientes disciplinarios ós autores do mesmo, que deberán analizar cada caso en particular.
Sobre “o problema da determinación da persoa responsable da neglixencia”, os instrutores acoden ó principio constitucional da presunción de inocencia, dado que “ó non estar definida na Relación de Postos de Traballo (RPT) á función de entrega dos cartos á empresa de seguridade, non pode determinarse claramente á persoa responsable do descuido ou neglixencia, polo que habería que presumirse á inocencia de todos os actuantes, ó non constatar que fose tarefa concreta dalgún en particular á realización de dita actividade de entregar ós cartos á empresa de seguridade”.

 

A investigación interna feita dende o propio Concello fai un análise obxectivo do acaecido, dos feitos e, como tal, non entra a valorar nada. Por suposto tampouco a actitude dos traballadores, respecto da cal establece que o que falla e o sistema o non terse nomeada unha persoa encargada da vixilancia dos cartos.
Agora ben, tamén terán que ter en conta os traballadores do servizo, suponse que funcionarios do Concello na súa maioría senón na súa totalidade, que o cidadán mal pode admitir que só por iso, porque non hai un protocolo axeitado, o funcionario pode iñorar que os cartos dos petos do contribuínte quedan abandonados a súa sorte.
Para tan esperpéntica situación aí vai unha comparanza forte: si a hora de pechala Recadación se atopara unha criatura de meses que a súa nai se lle esquecera facía só uns minutos, ¿tamén pecharían a porta e a deixarían dentro abandonada a súa sorte?. Non é menos certo que tampouco neste caso existe un protocolo axeitado ao caso.

 
Volver atras
Imprimir Página  
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital