Home
 
 
 
 
A conselleira de Política Territorial da Xunta de Galicia comprometeu este luns co alcalde da cidade, o socialista Francisco Rodríguez, realizacións por valor de 16 millóns de euros.
Oito deles son para a Ronda Bulevar que enlazará dende a Avda. de Zamora ata a Nacional 525.
Unha obra que o alcalde da cidade cualificou de "prioritaria", xa que "permitirá axilizar o tráfico do centro da cidade e da rúa Progreso", dixo Francisco Rodríguez.
 
 
 
Política Territorial compromete 16 millóns para a cidade, 8 deles para a Ronda Bulevar
2 de OUTUBRO de 2007: OURENSE DIXITAL

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas Transportes, María José Caride, anunciou hoxe un compromiso de investimento de 16 millóns de euros para acometer diversas actuacións en materia de infraestruturas na cidade de Ourense. Así mesmo, durante unha xuntanza de traballo mantida co alcalde Francisco Rodríguez, María José Caride fixo referencia a outros proxectos para a cidade como son o impulso do transporte público metropolitano, a integración do tren de Alta Velocidade e as obras da autopista libre de peaxe Dozón-Ourense.

En materia de infraestruturas, Maria José Caride anunciou a próxima sinatura dun acordo con Concello de Ourense por un importe de oito millóns de euros para a construción da Ronda Bulevar, que irá dende a Avenida de Zamora ata a N-525. O investimento estará repartido en tres anualidades, e a primeira delas aparecerá reflectida nos orzamentos da CPTOPT para 2008.
O alcalde Francisco Rodríguez cualificou de "prioritaria" esta actuación, xa que "permitirá axilizar o tráfico do centro da cidade e da rúa Progreso", polo que se configura coma "un eixo determinante para o futuro da cidade", dixo.
Así mesmo a conselleira anunciou unha segunda partida dotada tamén con oito millóns de euros en tres anualidades para a mellora de estradas de titularidade autonómica situadas nos barrios de San Francisco, A Granxa-Barrocás, Mariñamansa-Seixalbo, Ceboliño, Valdorregueiro, Reza, Vistahermosa, Marcelo Macías e rúa Río Arnoia. Esta actuación, que afecta á maioría dos barrios periféricos da cidade, permitirá a súa integración e a mellora dos accesos.
Froito dun futuro convenio co Concello, a CPTOPT financiará as obras destas travesías que xa forman parte do viario urbano da cidade e, unha vez rematados os traballos, pasarán a ser de titularidade municipal.

No tocante á Circunvalación Leste da cidade, a conselleira explicou que antes de finais de ano estará adxudicado o treito Rairo-Bemposta e en 2008 executarase o treito Bemposta-N-525

Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital