Organizadores e centrais sindicais convocantes cifran en máis de mil os traballadores do lume que este xoves se manifestaron en Santiago, rematando as mobilizacións deste mes de setembro.
Os sindicatos lembran que son xa 22 meses agardando solucións, sin que Medio Rural ceda, siquera, a abrir a mesa de negociacións.
Insisten en que o goberno galego en xeral e Touriño en particular, teñen que tomar cartas no asunto.
 
 
Mil manifestantes no remate das mobilizacións de setembro dos traballadores do lume de Galicia
27 de SETEMBRO de 2007: OURENSE DIXITAL
   

Máis de mil brigadistas do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) manifestáronse este xoves en Santiago de Compostela para esixir a homologación das súas condicións laborais coas do resto do persoal da Xunta de Galicia, segundo datos dos organizadores e das centrais sindicais convocantes.
A marcha, que partiu ás dez da mañá da Alameda compostelá, rematou na sede do Goberno galego en San Caetano logo de percorrer diversas rúas da capital.

As organizacións convocantes, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) e a Asociación Profesional do Persoal Laboral do SDCIF (APROPIGA), felicitan o "éxito de participación no que é o sexto acto reivindicativo deste mes" e salientan que se trata da manifestación con maior número de participantes desde o inicio do conflito, hai xa case dous anos.
Precisamente, as tres organizacións instan a Consellaría do Medio Rural para que explique canto tempo máis terán que agardar os brigadistas para que o departamento autonómico decida reabrir a mesa de negociación, marco no que se tería que acadar un acordo para "dignificar e equiparar as condicións de traballo do colectivo coas do resto do persoal laboral da Xunta de Galicia", explican. Igualmente, os representantes dos traballadores entenden que a Administración debe garantir que "un servizo esencial como é a loita contra os incendios forestais debe continuar sendo un servizo público, de xeito que poida realizar un traballo eficaz e eficiente".

"Insólito" inmobilismo

As organizacións convocantes manifestan que resulta "insólito e preocupante" que, logo de 22 meses de conflito, "os dirixentes da Consellería do Medio Rural estean máis pendentes de intentar silenciar e desacreditar estas mobilizacións ca de convocar a mesa de negociación", e lembran que as reivindicacións do colectivo apóianas a maioría do persoal brigadista do SDCIF -persoal fixo, fixo-discontinuio, Pladiga e SEAGA S. A.- e tamén polos sindicatos UGT e CIG aínda que non participaron nos actos.
Así mesmo, CCOO, CSIF e APROPIGA denuncian os "reiterados intentos da Consellaría por tapar o conflito e facer fracasar as mobilizacións", e centran as súas críticas especialmente nos "servizos mínimos abusivos" que vén decretando o departamento autonómico. Con todo, as organizacións que convocaron a manifestación de hoxe consideran que o importante é que as reivindicacións do colectivo conseguiron chegar á opinión pública "a pesar da actitude inmobilista" do departamento de Suárez Canal.

Sentenza do TSXG

Os tres sindicatos lembran que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nunha sentenza do 6 de marzo, confirmou que a única saída razoable a este longo conflito laboral é a mesa de negociación, na que se deben recoñecer os dereitos laborais básicos dos traballadores. A mesa está "solicitada por tódolos sindicatos e tamén está polos traballadores", insisten. Feito que entenden que probaron as máis de 1.300 sinaturas que foron presentadas en agosto, así como pola masiva participación do persoal nas manifestacións do 19 e do 31 de xullo ás que asistiron máis de mil traballadores do servizo.
CSIF, APROPIGA e CCOO fan, por último, un chamamento á Consellería da Presidencia e Administracións Públicas e ao Goberno galego no seu conxunto, para que medien no conflito debido á "incapacidade" de Medio Rural para solucionar o conflito, recoñecéndolles aos traballadores do SDCIF os dereitos laborais básicos recollidos no Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia.

 
 
 
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital