Home  
 
 
 
 
  Despois de que o xoves, 21, o tenente de alcalde, Alex Sánchez Vidal, invitara ao alcalde, Francisco Rodríguez, a que o Concello de Ourense asine dunha vez o protocolo de integración desta cidade no Consorcio Galego do Benestar, os nacionalistas insisten e advirten agora que a cidade corre o risco de perder un investimento da Xunta de 15 millóns de euros e a creación de 165 postos de traballo directos. O BNG invita ao alcalde a que presente ao Consorcio a súa alternativa.
 
 
O BNG recórdalle ao alcalde de Ourense que o Consorcio do Benestar son 15 millóns de euros e 165 postos de traballo directos
25 de FEBREIRO de 2008: OURENSE DIXITAL
O BNG recorda que a construción e xestión da residencia para maiores, a residencia para enfermos de alzheimer, as cinco escolas infantís, os dous centros de día, a casa de acollida para mulleres vítimas de maltrato, o centro cívico e social e o Centro de

Información á Muller custaría máis do 25% do orzamento municipal. En total, o investimento directo que desembolsaría a Xunta sería de 15 millóns de euros, aos que habería que engadirlle máis de 9 millóns de euros de mantemento anual. O BNG pídelle ao PSOE que presente a súa alternativa ao Consorcio porque a realidade é que o custe anual de xestión supón o duplo do orzamento actual da concellería de Servizos Sociais.

Neste sentido, considera un atraso volver a plantexar xestións municipais cando non existen en ningún sitio de España en áreas asistenciais e menos en concellos tan cargados de gasto corrente como é o de Ourense. "Cómpre só lembrar o que pasou cos hospitais municipais e provinciais", sinalan os nacionalistas.
Ao decir do Grupo do BNG, a Xunta, a través da Vicepresidencia, xeraría máis de 165 empregos directos en sectores directamente relacionados co que se estuda no campus de Ourense. "O concello non ten capacidade para asumir o custe do mantemento anual das dotacións en benestar e por iso o BNG considera un éxito que a Xunta se encargue da xestión destas dotacións, coma se fixo no pasado cos deficitarios e infradotados hospitais municipais e provinciais", sinalan os de Sánchez Vidal. Ademais, o Bloque recorda que o concello foi quen definiu as necesidades e incorporou o Fogar do Transeúnte e o Centro Cívico como demandas.

Cuantificación

De seguido, os nacionalistas entran na cuantificación das realizacións previstas en Ourense. Así, sinalan que a residencia para maiores que a Vicepresidencia quere facer en Ourense custaría máis de oito millóns de euros, daría traballo a 75 persoas e tería uns custes de mantemento anual de máis de tres millóns de euros. Por poñer un exemplo, na actualidade a concellería de Benestar e a de Sanidade xuntas teñen un orzamento de 6,2 millóns de euros. Só a residencia que está proxectada en Barrocás por parte da Xunta, que o PSOE non quere, faría que o orzamento municipal tivese que incrementarse en tres millóns de euros en custes de xestión municipal (persoal, luz, auga, calefacción, equipamentos sanitarios, etc.).

Os dous centros de día cuestarían un millón de euros de investimento directo cada un e o seu mantemento superaría os 500.000 euros cada ano. Estes centros de día daríanlle traballo a 12 traballadores cada un.

Pola súa banda, o centro de día para enfermos de alzheimer tería uns custes de construción superior ao 1,5 millóns de euros (800.000 euros de construción e outros 700.000 de acondicionamento). Os custes de xestión superarían os 450.000 euros xa que habería que incluír transporte específico e adaptado para as persoas con discapacidades. En total, daríalle traballo directo a 14 traballadores, máis todo o emprego indirecto de coidadores para dependentes que se crearía.

As cinco escolas infantís terían un custe de 800.000 euros cada unha, o que suporía máis de 4 millóns de euros de investimento directo para a cidade. A xestión de cada escola infantil ten un custe aproximado de 300.000 euros e daríalle traballo a 50 educadores infantís e profesores de primaria.

A casa de acollida das mulleres custaría 800.000 euros e a súa xestión sobrepasa os 200.000 euros anuais. En total daríalle traballo a unhas sete persoas con titulación universitaria en carreiras relacionadas co que se estuda no campus de Ourense.

O centro cívico e social ten un custe de 200.000 euros directos. O concello tería que desembolsar máis de 100.000 euros anuais para mantelo e daríalle traballo a catro persoas.

Pola súa banda, o centro de información á muller tería un custe de 150.000 euros, a súa xestión custaría uns 100.000 euros e daríalle traballo a dúas persoas.

REDACCIÓN de Ourense Dixital
Volver atras
Imprimir Página  
 
REDACCIÓN de Ourense Dixital
       
REDACCIÓN de Ourense Dixital