Home  
 
 
 
 
 

O grupo de Goberno do BNG considera que na defensa dos intereses dos afectados polo acceso centro está a cumprir os compromisos tomados en Xunta de Goberno Local e tamén na Xunta de Portavoces, sinalan os nacionalistas de Sánchez Vidal a raíz do duro comunicado emitido polo Grupo Municipal Socialista y as conseguintes declaracións feitas ao longo da xornada deste martes pola concelleira Áurea Soto. Como responsables das áreas de Infraestruturas e Tráfico, o grupo de Goberno do BNG considera que se está a “centrar nas súas responsabilidades” e pide respecto e lealdade institucional aos seus socios de Goberno.
Os nacionalistas tamén lle recordan ao socio socialista que Infraestruturas e Tráfico son da súa competencia.

 
 

O BNG resposta ao PSOE reivindicando as competencias de Infraestruturas e Tráfico, que recorda que son súas

 
9 de XANEIRO de 2008: OURENSE DIXITAL

Nun comunicado emitido a última hora da tarde deste mércores, o BNG considera preciso matizar as apreciacións de Áurea Soto con respecto aos problemas do Acceso Centro. En primeiro lugar, sinala o grupo nacionalista do Concello de Ourense a modo de recordatorio, "compre dicir que en Xunta de Goberno acordouse non abrir o acceso até que estivesen solucionados os problemas dos veciños e de sinalización errónea por parte do Ministerio de Fomento ou da empresa concesionaria".
A emisión dun informe dicindo que están solucionados todos os problemas non é suficiente para os veciños, que seguen a ter fendas nas súas casas e tampouco para a zona de Vistafermosa, cuxo regato continúa cegado pola auga. Polo que o BNG, sinala, "simplemente está a atender unha demanda veciñal totalmente lexítima e xustificada ante unha actitude inmobilista e pouco xustificada do Ministerio de Fomento, que unicamente tería que reclamarlle á empresa concesionaria que subsane os danos e prexuízos para os veciños".
Tampouco lle parece normal ao BNG que haxa pendentes do 9% sen sinalizar, e carteis que conducen a rúas con direccións prohibidas en lugar de estar sinalizados os barrios da cidade. O BNG recorda neste sentido que "nunca Gobernou en Madrid e polo tanto non é responsable de ningún proxecto técnico mal elaborado e totalmente lesivo para os intereses dos veciños afectados e dos ourensáns en xeral".

Responsabilidades derivadas de acordos

Ademais, o BNG recorda que en ningún momento votou a favor deste proxecto. No debate plenario de 1995 o BNG abstívose e presentaba un proxecto alternativo que consistía nun túnel. Dun xeito ou outro, o Bloque considera que o razoamento utilizado polo PSOE tampouco sería válido no caso de que o BNG apoiase no seu momento o Acceso Centro (que non foi o caso, insiste), "porque senón o grupo socialista tampouco podería falar do Plan Xeral da cidade ou do contrato do lixo, que recentemente rescindiu para adxudicar, xa que no seu día votaron a favor".
Ademais, "o PSOE si tivo responsabilidade de Goberno dende o ano 2004 no Ministerio de Fomento e puido ter cambiado o proxecto de acceso centro".
Por outro lado, o BNG recorda que nin este grupo, nin o PSOE, nin o PP votaron no pleno de 1995 a favor de destrozar as casas dos veciños de Vistafermosa sen recibir ningunha compensación a cambio.

Tráfico tamén é competencia do BNG

Por último, o BNG recorda que "o principal culpable desta situación é o Ministerio de Fomento, por riba de calquera cor política ou partidista e polo tanto só a el lle corresponde arranxar as deficiencias e indemnizar aos veciños en caso de ser necesario", sinalan os de Sánchez Vidal. O grupo nacionalista anuncia que seguirá defendendo os intereses dos ourensáns "por riba das loitas electorais que se susciten", e que seguirá pedindo unha reunión con Demarcación de Carreteras para que todos os problemas sexan subsanados, así como para falar da Autovía a Lugo, "que pode convertese nun novo Acceso Centro", advirte.

No tocante aos problemas de tráfico, o BNG recorda que se trata dunha área xestionada por este grupo dentro do Concello, e que nestes momentos a policía local está a elaborar un informe que ditamine cal é a mellor solución para o Acceso Centro. Unha vez recollidos estes informes, o BNG di que tomará unha decisión sobre o sentido da circulación e a mellora do tránsito “xa que se trata dunha responsabilidade única desta formación”.
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital