Home  
 
 
 
 
  Recoñecemento das especiais circunstancias do traballo deste persoal; a obxectivización da prestación dos servicios extraordinarios; sentar as bases de futuras negociacións, ao tempo que un gran paso adiante na regulación, ata de agora inexistente, das condicións especiais e extraordinarias de traballo do colectivo dos Técnicos do Servicio de Prevención e Extinción de Incendios Forestais, son os principais "valores" que Comisiones Obreiras destaca do primeiro Acordo Laboral Regulador destes traballadores, os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos do Servicio.
 
 
Acádase un histórico primeiro Acordo Regulador para o persoal técnico do Servicio de Incendios Forestais da Xunta
2 de ABRIL de 2008: OURENSE DIXITAL
   

O persoal técnico, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos do Servicio de Prevención e Extinción dos Incendios Forestais da Xunta de Galicia, ten dende este martes o primeiro Acordo Laboral Regulador das súas condicións de traballo, que suscribiron con Medio Rural as organizacións sindicais representativas do colectivo.
O acordo recoñece o incremento dos niveis ata o complemento de destino 25, "recoñecendo así a especial responsabilidade destes postos, que afecta á gran maioría do colectivo", sinala Comisións Obreiras.
Tamén melloran as retribucións extraordinarias "en cantidade e sobre todo en calidade, ao tempo que se fixa o incremento anual das mesmas", sinala CC.OO.
Os efectos económicos do acordo son retroactivos e décir, aplicables desde o 1 de xaneiro do 2008. A regulación do tempo de prestación de servicios extraordinarios queda fixado en 4 meses ao ano, e "o recoñecemento do dereito a desfrutar parte das vacacións no verán e a compensación para o persoal que non poda ou non queira desfrutalas nesa época, garantindo que, baixo as condicións do acordo, isto non suporá diminución das retribucións" é outro dos logros deste Acordo Regulador para o colectivo que destaca Comisión Obreiras.

Así a todo, CC.OO. considera que "quedaron aínda cuestións pendentes por resolver e sobre as que imos seguir insisitindo na demanda da súa solución", ademais da necesidade de ampliar este tipo de acordos a tódolos traballadores, xa que polo de agora só abrangue a uns cen do Servicio. Neste eido, os representantes sindicais desta central enumeran a consolidación de emprego dos técnicos interinos, así como "o necesario e imprescindible incremento do persoal técnico dos distritos forestais do SPDCIF a través do sistema público regulado de acceso á administración".
Deste xeito, destaca Comisións Obreiras, non só se contribuirá a fortalecer e mellorar o servicio público en cuestión, senón que por riba se impedirá "que sigan medrando as contratacións subxectivas de persoal a través de chiringuitos clientelares como SEAGASA".

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página
REDACCIÓN de Ourense Dixital