Home  
 
 
 
 
  O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven  de declarar improcedente o despido de un traballador de Extinción de Incendios Forestais, e condena a Medio Rural e a empresa SEAGA a readmitir ao traballador ou a indemnizalo cos salarios devengados dende o 30 de xullo de 2007, data do seu despido. O traballador fora contratado a través da empresa SEAGA a proba, a pesar de que este traballador leva dende 1992 traballando campaña tras campaña na extinción dos incendios forestais.
 
 
Outra sentencia contraria a Medio Rural, invalida un despido dun brigadista contratado a proba despois de 15 anos apagando lumes  
11 de MARZO de 2008: OURENSE DIXITAL

SEAGA e Medio Rural deberán indemnizar ou readmitir a un traballador de Extinción de Incendios Forestais, ao que esta empresa despediu o 30 de xullo do ano pasado despois de contratalo a proba e estimar a empresa que non superou dito período. Na sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non pasa desapercibido o feito de que dito traballador veu traballando nestas tarefas campaña tras campaña dende 1992.

Ao coñecerse esta nova sentencia, Comisións Obreiras critica a que cualifica de "perversa intención de Medio Rural de desfacerse daqueles traballadores que non se plegan aos seus ditados". Segundo CC.OO., neste caso, Medio Rural/SEAGA argumentou como causa do despedimento que o traballador non superara o período de proba cando a realidade, tal como se demostrou no procedemento, era ben distinta, posto que viña prestando os seus servizos campaña tras campaña dende 1992 en distintas categorías profesionais da extinción de incendios forestais, polo que, para o sindicato, "o motivo real do despedimento foi en realidade a súa firmeza en esixir e exercer libremente os seus dereitos laborais, actitude que aos dirixentes de Medio Rural parece que non lles gusta que fagan os traballadores".

Segundo Comisións Obreiras, a sentencia do TSXG establece que "o demandante desempeñou as mesmas funcións para o que poideramos considerar a mesma empresa, posto que se trata dunha empresa pública, constituída pola propia Xunta de Galicia para levar a cabo os mesmos traballos que antes desenrolaba a propia administración e que agora o fai a través de dita empresa”. O que leva a Asesoría Xurídica de dito sindicato a establecer que os argumentos de Medio Rural e SEAGA foron "unha nova triquiñuela para desfacerse dos traballadores activos na defensa dos dereitos laborais, que esconde a intención de conformar unha plantilla dócil e proclive a plegarse aos ditados que en cada momento lles interese exercer aos xestores de Medio Rural".

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital