Medio Rural dí que SEAGA entra no modelo público de contratación do persoal, e acusa de "inmobilista" a CC.OO.

 
13 de ABRIL de 2007: OURENSE DIXITAL

"SEAGA é unha empresa pública que garante absolutamente a contratación do seu persoal con base a criterios de mérito capacidade e publicidade; mesmo coa posibilidadede participación do comité de empresa no tribunal de selección de representantes". Así empeza a nota emitida pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia coa que o departamento de Suárez Canal rexeita as acusacións feitas por Comisións Obreiras.

Segundo Medio Rural, "trátase dun mecanismo existente noutras administracións que, curiosamente, resulta torpedeado aquí por quen o admite noutros lugares, e que parece molestar a determinada sección sindical asentada no oscurantista modelo seguido durante a etapa do Goberno anterior", en clara referencia a Comisións Obreiras. Medio Rural califica de "incomprensible" as críticas feitas, exactamente, ao que atinxe a publicidade, libre concurrencia, valoración de méritos e capacitación profesional, e dí que "proba deso son as numerosas solicitudes de aspirantes a formar parte do dispositivo que, en edicións anteriores -lembra Medio Rural-, non tiñan oportunidade de presentarse".

Segundo Medio Rural, os cambios operados "teñen carácter estrutural", e fai alusión as modificacións introducidas no propio dispositivo para tender a unha maior profesionalización, formación e mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do servizo. “Como levamos insistindo, non nos resignamos a ter máis de 10.000 lumes cada ano, por iso parte do novo dispositivo debe ter a versatilidade de contemplar a loita contra o lume, a prevención e realización de traballos de silvicultura se queremos un novo modelo forestal neste País”, afírmase dende Medio Rural.
"En todo caso, o inmobilismo proclámao quen prefire manter a situación anterior, mentres o Goberno galego está decidido a facer novas políticas de valorización do monte, para a nova Galiza do século XX", conclúe Medio Rural o seu comunicado.

Volver atras Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital