Un Palacio de Congresos e Exposicións meterá a Ourense en novos circuitos turísticos, dí Francisco Rodríguez  
16 de ABRIL de 2007: OURENSE DIXITAL
O candidato socialista á Alcaldía de Ourense pensa que a construcción dun Palacio de Congresos e Exposicións en Ourense introducirá á cidade en novos circuitos turísticos. A dinamización do turismo congresual provocará a multiplicación da oferta hoteleira en Ourense, segundo explicou Francisco Rodríguez en declaracións a Cadena COPE en Ourense.

“Para construir unha obra desta envergadura é necesario contar co apoio doutras institucións”, engade. Esta iniciativa fomentará o turismo de calidade, incentivando o comercio e a hostelería de Ourense.
A vivenda protexida centrou o interese de parte da entrevista. Nela lembrouse que o actual equipo de goberno non foi quen en doce anos de crear vivenda protexida, tampouco de respetar a lei que obriga ós promotores á adicar un 20% da vivenda construida a protexida. “Nós a través da Empresa Municipal de Urbanismo, Vivenda e Solo comprometerémonos cos cidadáns para que o 30 % da vivenda construida sexa protexida”, argumenta Francisco Rodríguez.
O futuro goberno socialista apostará polo fomento do emprego, apostando polos empresarios e emprendedores como verdadeiros axentes locais de emprego. “As institucións tamén deben xogar un papel fundamental a través do seu apoio ás empresas”, segundo Francisco Rodríguez.
O líder socialista anunciou que está previsto que no mes e medio que resta antes dos comicios pasen por Ourense representantes do goberno do Estado. “Con eles gustaríame tocar temas que afecten á cidade como son as leis de autónomos e a de dependencia”, explica o candidato socialista á Alcaldía de Ourense.

Para Francisco Rodríguez, as declaracións realizadas por Baltar durante o fin de semana significan que “está tremendamente nervioso” –comenta- quen ve “o desenvolvemento económico de Ourense escrito con outros nomes, pois Baltar xa cumpliu a súa etapa política”.

Imprimir Página
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital