O BNG investirá 72.000 euros en dúas aulas de formación de técnicos deportivos na Fundación Oira

 
12 de ABRIL de 2007: OURENSE DIXITAL

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, anunciou hoxe na Casa da Xuventude de Ourense, que o seu departamento investirá 72.000 euros para construír dúas aulas de formación de técnicos deportivos na Fundación Oira, no barrio da Ponte. Ademais, o titular de Xuventude sinalou que grazas aos contactos co grupo municipal do BNG, o seu departamento organizará un campamento deportivo no verán para que 40 nenos entre 12 e 14 anos poidan pasar entre o 1 e o 15 de xullo aprendendo a practicar deporte nas instalcións do Ponte.

O candidato á alcaldía polo BNG, Alexandre Sánchez Vidal, aproveitou o acto para presentar o seu programa para a xuventude, que será un dos seus eixes centrais para os vindeiros catro anos.
Segundo Sánchez Vidal, “cómpre ter unha visión transversal da xuventude xa que os seus problemas e motivacións non se poden abordar dende unha soa área”. Para o candidato á alcaldía, “non pode ser que o 23% da xente nova teña que emigrar da nosa cidade para atopar traballo e que haxa tantos problemas para acceder a unha vivenda digna”.
En materia de emprego, o BNG propón crear unha axencia de desenvolvemento local no polígono do Val da Rabeda no que os mozos poidan formarmse en novas tecnoloxías, ofertando ciclos produtivos intensivos nesa materia.

Sánchez Vidal aludiu tamén ás inmensas posibilidades que ofrece o termalismo e as políticas de benestar social e asistencia en materia de emprego nas que se compromete a xerar 800 postos para a xente moza. Aquí, o candidato do BNG sinala que cómpre ofertar ciclos formativos, xa que “non é normal que nestes momentos só contemos cun curso de tres meses dentro dos estudos de perruquería e estética. Nós comprometémonos a homologar e harmonizar ciclos ofertando becas”. Por último, Sánchez Vidal tamén se comprometeu a facer que a banda ancha chegue ao perímetro rural.

En materia de vivenda, Sánchez Vidal presentou un investimento de 6 millóns de euros para rehabilitación, compra e aluguer destinado á xente moza, 2.000 vivendas de protección pública e 400 para alugueiros baixos. Ademais, recalcou que vai incrementar a oferta o plan de vivenda en alugueiro da Xunta pasando do 300 pisos a 600, a uns prezos que abalan entre os 150 e os 200 euros.
Por último, Sánchez Vidal, comprometeuse a levantar unha nova casa da xuventude, a construír cinco centros sociocomunitarios cun apartado para os mozos e a facer un auditorio musical nos terreos do edificio de vicepresidencia do campus. En materia de asociacionismo, vai crear un consello da Mocidade e a regular as subvencións. “Non é normal que asociacións como Amencer ou San Pío X que traballan a reo pola xuventude, reciban as mesmas contías que organizacións pantasma afíns ao PP da que se descoñece o seu traballo”, conclúe Sánchez Vidal.

Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital