"O volume de vivendas que prevé o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo PP é desmesurado e non se axusta á realidade social e demográfica da cidade", sinala o voceiro e candidato a alcaldía de Ourense polo BNG, Alexandre Sánchez Vidal. “O Plano aprobado polo PP fíxase o obxectivo de construír 50.000 vivendas en dez anos. Iso significaría que cando menos a cidade tería que medrar en máis de 100.000 habitantes, algo que non se corresponde coa realidade", engadíu o candidato nacionalista, para alertar de que "o Plano Xeral non prevé a posta en marcha de servizos básicos como a auga ou o saneamento e esquece as zonas verdes e os espazos públicos".

 
 
 

O BNG pide planificación de vivenda realista en Ourense, e que cando menos o 40% sexa vivenda protexida

 
09 de ABRIL de 2007: OURENSE DIXITAL

Pola contra, o BNG propón que se constrúan vivendas en consonancia co ritmo demográfico, social e económico da cidade. “A racionalidade debe ser o principio rector do noso programa de Vivenda. Hai que construír pero só na medida que sexa necesario”, sinala Alexandre Sánchez Vidal.

En segundo lugar, para que o incremento de vivendas non se vexa acompañado dun aumento nos prezos, o BNG esixe que cando menos o 40% de todo o que se constrúa sexa vivenda protexida. “Na actualidade Ourense é unha das cidades onde existe menor porcentaxe de vivenda pública, xa que a política do PP nestes últimos 16 anos na Xunta e nos últimos 12 á fronte da alcaldía de Ourense tan só contemplou a vivenda libre feita por promotores privados, o que levou consigo un aumento vertixinoso dos prezos da vivenda”, argumenta Alexandre Sánchez Vidal.

O terceiro eixo do programa de vivenda do BNG sería o de acometer dotacións públicas e zonas verdes. Na actualidade Ourense é unha das cidades con menor porcentaxe de espazos verdes públicos, xa que na zona urbana tan só ocupan o 8,7% do total da cidade, o que indica que é o máis baixo de Galiza. O BNG propón incrementar esta porcentaxe a través dunha empresa municipal de solo que se encargue de elaborar dotacións públicas que beneficien a toda a poboación. Neste sentido, espazos como o contorno da Burgas ou o acondicionamento de 17 hectáreas de paque na zona de Mariñamansa, serían un bo exemplo do que propón o Bloque para a cidade de Ourense.

Segundo o candidato nacionalista, "o BNG aposta por un Ourense para todos, que medre de xeito paulatino e racional pero que sirva como exemplo de cidade respectuosa cos cidadáns, co medio ambiente e que sexa cómoda para vivir, grazas aos servizos públicos que ofrece".

Imprimir Página
 
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital