O candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal, explicou nun mitin en Oira, cales ían a ser as liñas básicas do seu programa para o perímetro rural da cidade. Sánchez Vidal fixo especial fincapé na vivenda e asegurou que a partir do día 28 de maio fomentará a autoconstrución nas parroquias, para que os veciños poidan aproveitar os seus terreos, sendo unha maneira de acceder á vivenda de xeito económico.

 
 
O candidato do BNG compromete en Oira o fomento do que chama a "autoconstrucción"  
13 de MAYO de 2007: OURENSE DIXITAL

“O Plano Xeral está mal deseñado. Promove a construción indiscriminada de edificios, facendo que todo o mundo teña que mercar un piso. Para nós é fundamental que todos os cidadáns poidan aceder a unha vivenda de calidade e polo tanto a mellor maneira é fomentar a autoconstrución naqueles terreos onde sexa doado levar os servizos básicos de auga e luz e haxa conexións”, explicou Sánchez Vidal.

En segundo lugar, o BNG considera prioritario crear un Plano de infraestruturas no rural que garanta á accesibilidade vial,o saneamento e o abastecemento de auga. Neste sentido, Sánchez Vidal deixou claro que “pensamos facer un deseño a catro anos para que en colaboración coa Consellería de Medio Rural, as necesidades básicas estean cubertas no 100%”.
Sánchez Vidal tamén adiantou que en breve presentará un plano conxunto con Medio Rural para o coidado da masa forestal, a limpeza dos montes e a reforestación con árbores autóctonas. Unha medida que axudará a paliar o problema dos incendios e que mellorará os beneficios dos propietarios do monte.

Outra das medidas que presentou Sánchez Vidal foi a da potenciación do produto agrícola propio, “o coñecido como rianxo”. Para o BNG é prioritario axudar ao pequeno produtor a crear unhas redes de distribución que lle permitan vender o producto nos mercados de abastos da cidade, en consonancia co plano re revitalización do comercio local e do produto ecolóxico.
Sánchez Vidal tamén quixo lembrar que levará a cabo a xestión do PERI de Seixalbo, que está paralizado porque o concello se nega a negociar coa Xunta. Dese xeito, promoverá o PERI en Cudeiro, Oira, Mende- Santo Tomé e Ceboliño. Ademais lembrou que haberá un programa conxunto de revalorización dos nosos ríos e do recurso da auga para enmarcalo dentro do programa de promoción termal da cidade.

Imprimir Página
 
 
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital