Irlanda era até hai pouco un dos países máis pobres de Europa. Súbitamente, durante a década dos 90, o Eire pasou de ser unha economía de características case tercermundistas a ser un dos estados máis ricos da Unión Europea. Cómo aconteceu tal? Pódese o Tigre Céltico repetir en Galicia?



 
       O contexto irlandés: de “ esmoleiros de Europa ” a exemplo de éxito a seguir

Irlanda, anos 1950, unha década de parálise económica, desemprego récord e emigración en masa. A situación non habería mudar moito nos seguintes 30 anos. Baixo crecimento económico, erradas políticas fiscais, proteccionismo, e unha serie de governos caciquís interprétanse hoxe como os determinantes da quela enorme diferencia de riqueza entre a economía irlandesa e calquer outra economía da Europa occidental.
 
 

Na metade dos anos 80, Irlanda padecía un desemprego do 19,6%, os irlandeses tiñan a maior déveda per cápita no mundo, e o PIB do país era tan só o 63% dos seus viciños, o Reino Unido. Nesta época, os irlandeses eran coñecidos coma “ os esmoleiros de Europa ”.
A situación virou radicalmente durante a década dos 90, cando Irlanda acadou un nivel de crecimento tan súbito coma abraiante: de 1990 a 1995 a economía irlandesa medrou a un ritmo medio de 5,14% ao ano, e de 1996 a 2000 disparouse até un ratio de 9,66%. No final da década dos 90, o desemprego baixara a un 4,5% e o PIB do país computábase en 25.500$, superando aos seus viciños británicos (22.300$) e á poderosa economía alemá (23.500$). En somentes unha década, Irlanda tornou de ser un dos países máis pobres de Europa a un dos estados máis ricos da Unión Europea.
O boom económico irlandés é coñecido mundialmente como “Celtic Tiger” ou Tigre Céltico, en analoxía ás economías do “Tigre Asiático”, o alcume posto a Singapur, Coreal do Sul, Taiwán, e Hong Kong durante o seu rápido periodo de desenvolvimento nas décadas do 1980-1990.

 
     

 

    Nove causas detonantes do Tigre Céltico e o seu correspondente en Galicia

O fenómeno do Tigre Céltico ven sido explicado através de varias teorías: baixo imposto de sociedades, contaxio do boom económico dos EUA, investimento extranxeiro, economía nacional estable, acertadas políticas de orzamentos, ou subsidios da Unión Europea. No estado da cuestión actual, economistas de todo o mundo aínda seguen a debater sobre cal foi a principal causa detonante do Tigre Céltico. Tal debate haberá durar décadas. Ainda ben, coincídese xeralmente que foron realmente unha combinación de factores, nunha proporción ou noutra, os que contribuiron ao excepcional despegue económico de Irlanda:

 
 

 

  » Investimento extranxeiro
      e mercado único europeo


Ser estado membro da Unión Europea, parte do mercado único europeo, foi o principio crucial para poder atraer investimento extranxeiro a Irlanda. Aquí tivo grande protagonismo a IDA, Irish Development Agency, o equivalente irlandés do IGAPE galego. Os homes e mulleres do IDA sairon a petar portas polo mundo adiante coa misión de convencer a compañías e governos extranxeiros de establecérense en Irlanda. Traballaron duro e grandes foron os resultados: un grupo importante de corporacións norteamericanas, europeas, asiáticas e australianas escolleron Irlanda como plataforma de operacións no mercado europeo, en troques das tradicionais Alemaña, Reino Unido, Benelux e Franza. O rápido crecimento dos EUA durante os anos 90, engadido á revitalización do comercio na UE, foi sen dúvida contribuidor chave ao éxito

 
 

irlandés. En 2003, as compañías de orixe extranxeira produciron un 51% das exportacións irlandesas e aportaron máis de 14 € billóns en gastos á economía, empregando directamente unhas 140.000 persoas.

As cuestións no caso galego son: están os nosos homes e mulleres do IGAPE dando voltas ao mundo e petando nas portas de compañías e governos? Temos un produto interesante a ofrecer? Qué é vendible n o noso produto “Galicia” que non teñan outros ?

 
 



    » Desregularización e competitividade

En 1999 a OCDE puxo a Irlanda no podium dos tres mellores países en termos de apertura económica. A escasa burocracia e intervención do estado irlandés nos negocios, comparado coas pesadas administracións xurásicas da maior parte da UE, foi decisivo para poder atraer investimento do exterior. A introducción de políticas de fomento da competitividade estimulou o desenvolvimento do sector servizos, e un destes resultados foi a creación do Centro Internacional de Servizos Financeiros en Dublín con 14.000 empregos altamente cualificados nos sectores legal, contable, e financeiro. A liberalización do transporte e fin dos monopolios, promovida pola UE, fixo cair o prezo do transporte aéreo e fomentou o turismo.

As cuestións no caso galego son: é competitiva a economía galega? Comparad os con Irlanda, Gales ou Estonia, é fácil facer negocios en Galicia? Está a economía galega preparada para conectarse ao mundo? Qué nivel de competencias nos dá o actual marco autonómico para introducirmos reformas?

 
 



    » Política Fiscal

Concordan a maior parte dos economistas en que a razón da miragre económica irlandesa foi o seu baixo imposto de sociedades, un dos máis competitivos na UE. Doutra banda, acertadamente pódese sinalar que o est a tus irlandés como economía de baixa taxación é un produto do Tigre Céltico, e non a sua causa. O Tigre xa botara a correr no tempo no que se produciran as baixas de impostos, suxerindo que a conxuntura favorable permitiu a baixa de impostos. En todo caso, baixa taxación e estabilidade macroeconómica foron factores determinantes para producir un alto nivel de confianza no investidor, clima que se traduciu nun alto nivel de actividade no sector privado.

As cuestións no caso galego son: existe vontade e coñecimento práctico ( know-how, savoir faire ) no go v erno galego para xogar mos serio e duro no eido da nosa política fiscal? Qué nivel de competencias nos dá o actual marco autonómico para introducirmos reformas?

 
   

    » O Acordo Social


Fálase tradicionalmente do famoso “ Social Partnership ” irlandés como unha “ solución irlandesa para un problema irlandés ”. O certo é que o Acordo Social irlandés, establecido desde 1987, foi de feito unha importación dun programa social xa en marcha nos países nórdicos, Austria e Alemaña. Governo, axentes sociais, sindicatos e empresarios sentaron na mesa e acordaron moderación salarial para axudar a botar a andar a economía. En contrapartida, o governo
 
 

afirmaba o seu compromiso co estado do benestar. Un exemplo sen precedentes nun país de alt o bruido sindicalista. Estes sucesivos acordos de consenso social permitiron equilibrio macroeconómico, baixo número de conflitos laborais, e consecuentemente o despegue das finanzas públicas.
As cuestións no caso galego son: estaría o actual sindicalismo galego disposto a aprender do novo sindicalismo irlandés? Temos competencias no actual marco autonómico para introducirmos reformas deste tipo?

 
 



    » Capital Humano: Educación


Non hai país no mundo que poida atraer investimento do exterior sen unha man de obra capacitada. Irlanda investira importantes recursos financeiros e humanos en educación desde os anos 60. Cando esa xeración chegou á maioria de idade, Irlanda convertérase nun país cunha das mellores mans de obra de Europa. Pero non somentes tiña Irlanda unha sobreoferta de empregados altamente cualificados: moitos daqueles que emigraran nos 80 retornaron a Irlanda nos anos do Tigre Céltico, traendo con eles anos de cualificación e experiencia en empresas extranxeiras, así como unha extensa rede de contactos en Europa e no mundo. E por se fose pouco, todos os irlandeses podían falar a lingua internacional do século XXI: o inglés.

As cuestións no caso galego son: honestamente, está a man de obra galega educada ao mesmo nivel que a media europea? Están axeitados os nosos planos de estudos universitarios ás necesidades da economía? Qué proporción dos nosos estudantes teñen feito como mínimo un ano de estudos no extranxeiro? Qué proporción da nosa man de obra fala fluidamente -en léxico, gramática, acento, e sen castrapear- o inglés e máis un outro idioma extranxeiro?

 
 

 

    » Fundos Estruturais e de Coesión da UE

Entre 1973 e 2001 Irlanda pagou 10€ billóns ao orzamento da UE e recibiu máis de 43€ billóns. Os Fundos Estruturais foron vitais para Irlanda e o desenvolvimento das suas infraestruturas, transporte, industria e educación. De todos xeitos, os subsidios europeos non son a causa exclusiva do desenvolvimento irlandés, e ainda moitos autores acertadamente sinalan o risco de que os Fundos actuen en dirección contraria, xa que, como dí o proberbio chinés, moitos poderán afacerse ás esmolas en vez de aprender a pescar. Ainda ben, existe consenso en Irlanda en afirmar que, pese a ser o noso curmán celta un país de longa tradición caciquil, a maior parte dos Fundos da UE non se utilizaron para asfaltar cunetas no monte senon para construir portos, renovar os camiños de ferro, e arranxar un número longo de carencias estruturais básicas.

No caso galego, pode ser de utilidade, para aprender dos acertos ou dos erros do pasado, identificar onde e cómo se aplicaron os Fundos da UE. A única cuestión importante no caso galego é ollar cara diante e perguntarmos , como o proverbio chinés, se estamos máis afeitos a sairmos a pescar ou a esperar pola esmola .

 
 

 

    » As avantaxes de sermos pequenos

Agás os países que sairon do desastre económico do comunismo, basta unha simples ollada para se decatar un que os países con máis alto índice de benestar corresponden aos máis pequenos estados europeos: Luxemburgo, Finlandia, Dinamarca, Islandia, Suiza, mesmo Andorra. Obviamente, comer unha moi pequena parte do queique económico mundial enche moito o bandullo dun país pequeno. Foi isto o que aconteceu con Irlanda.

O caso galego? Ben, como dicía Castelao, en palabras curiosamente repetidas nunha campaña do governo de Escocia en 2003: “ somos un país pequeno, non un país de mentes pequenas ”.

 
 

 

  » Bon governo

Centos de compañías extranxeiras situaron as suas bases europeas en Irlanda durante as duas pasadas décadas. Isto non aconteceu tal que así. Precisouse un governo nacional activo, traballador, con visión para tomar decisións estratéxicas a longo termo. Os governos irlandeses destas décadas fixeron ben o seu choio, cunha constante actitude positiva para obter negocio, capital humano e investimento

 
 

exterior. Resultado: cando os homes e mulleres da IDA tomaron o avión e empezaron a petar nas portas polo mundo adiante , o producto “Irlanda” ofrecía unha completa gama de servizos de calidade mundial, da banca e finanza ás telecomunicacións e loxística, do baixo imposto de sociedades á unha excelente man de obra. Investir en Irlanda.

As cuestións no caso galego son: existe consenso na sociedade e na política galega para tirarmos todos xuntos nunha mesma dirección? Poden os homes e mulleres do IGAPE sair a vender o produto “Galicia” e ofertar condicións mellores ou ainda similares que Bretaña, Estonia, Gales, Eslovenia ou Escocia?

 
 

 

    » A globalización é boa para os celtas

Moito antes de que acontecera o Tigre Céltico, os irlandeses eran xa realmente un povo globalizado. Irlanda foi un país emigrante até ben pouco. Hai ainda uns tres millóns de cidadáns irlandeses vivindo fóra da terra, e calculan que entre segunda e terceira xeración uns 70 millóns de persoas no mundo poderían ter devanceiros irlandeses. Nos EUA somentes, uns 40 millóns de persoas afirman ter pais ou avós irlandeses.

Irlanda é unha economía pequena, mais aberta ao mundo. Décadas de proteccionismo e miseria económica deron paso a unha situación onde os irlandeses son unha das economías máis globalizadas do planeta. Cando antes os irlandeses emigraban para ir traballar a empresas noutros países, son agora esas empresas as que veñen a Irlanda. Por primeira vez na sua historia, os irlandeses teñen agora a escolla de non ter por qué marchar da terra. É a historia de cómo un pequeno país tomou as rendas do novo mundo globalizado para o beneficio da sua propria xente, para amellorar o estado de benestar e para tornar do desastre económico cara un éxito sen precedentes

 
 

 

    Consecuencias sociais e económicas do Tigre Céltico

Algún despistado ten dito que o único mérito do Tigre Céltico foi recuperar distancias co resto dos países europeos. Non é certo. Principalmente porque Irlanda non somentes recuperou distancias senon que adiantou ao resto dos países europeos.

O Tigre Céltico ten significado un salto radical para a sociedade irlandesa. Os irlandeses sonche agora xente con cuartos e xa non che resulta raro ver un grupo de esquiadores irlandeses na Suiza. Ainda que máis importante cos cuartos é que a longa historia de emigración de Irlanda teña chegado ao seu fin e que os irlandeses poidan agora escoller de quedar e vivir -ben, por certo- na sua terra. O Tigre Céltico abriu asemade unha nova era de autoestima nacional. Marchou xa a diglosia mental, o complexo de inferioridade , de chorar e de victimismo que plagou a sociedade irlandesa por tantos séculos.

 
    Ben seguro, restan ainda moitas cousas a facer en Irlanda: mellorar o servizo público de saude, a rede de estradas, controlar o prezo da vivenda, o aumento do crime e da violencia na xente nova, aceptar a nova demográfica social e o multiculturalismo moderno, etc. Sempre haberá cousas nas que traballar, porque nengunha sociedade do mundo está libre de problemas. Pero abofé que cando boto un ollo aos dous séculos pasados de historia irlandesa e galega, e vexo cómo están eles e cómo estamos nos, só penso naquelo que dicían os galeguistas da Xeración Nós: “Como en Irlanda, como en Irlanda”.  
 


 
 


 
 

Anxo Abelaira é consultor freelance en márketing e viabilidade de proxectos.
Naceu en Galicia e viviu e traballou na República de Irlanda e en Escocia antes de establecer residencia permanente en Bruxelas.

Este artigo foi previamente publicado en inglés na revista de temas de actualidade e relacións intercélticas www.celtia.info, da que é correspondente en asuntos galegos.

 
 


 
 

Fotos: Ireland West Tourism