A Consellería de Educación anuncia que abre a convocatoria para a acreditación de competencias profesionais en ata 17 ciclos formativos distintos. Así o ven de anunciar o departmento de Jesús Vázquez, que sinala que ata 1.600 traballadores e traballadoras poderán  acreditar de forma oficial as súas competencias profesionais e, de ser o caso,  acadar un título de Formación Profesional. No caso de Ourense, segundo indicacións de Educación da Xunta, será o CIFP A Farixa o que realizará o procedemento para acreditar de forma oficial a experiencia nas actividades relacionadas co ciclo superior de Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construción.
 
 
Os profesionais sen título poderán convalidar experiencia por titulación de FP
5 de OCTUBRE de 2009: OURENSE DIXITAL
   

Ata 1.600 traballadores e traballadoras poderán  acreditar de forma oficial as súas competencias profesionais e, de ser o caso, acadar un título de Formación Profesional, a través das prazas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar para a avaliación, o recoñecemento, a acreditación e a certificación da competencia profesional.
Con esta iniciativa, Educación di querer recoñecer a valía de quen levan anos desempeñando o seu traballo nunha rama laboral específica, ou con aprendizaxes adquiridas por vías de formación non regrada, permitindo que poidan obter certificados oficiais da súa competencia profesional e, por tanto, capitalizala.

De feito, as persoas que acrediten ser merecedores destas prazas recibirán unha certificación oficial que posteriormente poderá ser validada cos módulos correspondentes de títulos de técnico ou técnico superior de Formación Profesional Específica.
A oportunidade vai dirixida a persoas desempregadas ou en activo que conten cunha experiencia mínima de 3 anos completos nos últimos quince anos, relacionada coas competencias que pretenda acreditar.

Esta convocatoria abarca un total de 64 unidades de competencia, integradas en 17 ciclos formativos, de 14 familias profesionais diferentes. O proceso desenvolverase en 11 centros educativos onde os traballadores e traballadoras poden solicitar o recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional.

No que atinxe a Ourense, segundo indica a Consellería de Educación será o CIFP A Farixa o que realizará o procedemento para acreditar de forma oficial a experiencia nas actividades relacionadas co ciclo superior de Desenvolvemento e aplicación de proxectos de construción, dentro da familia profesional da Edificación e obra civil.

Os profesionais interesados nesta acreditación deberán presentar a solicitude de inscrición, xunto coa documentación requirida, entre os días 13 e 23 de outubro, nos centros onde se vai realizar o proceso. As persoas admitidas matricularanse posteriormente para a fase de asesoramento e avaliación.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página