A Deputación de Ourense anuncia una iniciativa "pioneira en Galicia", a Rede de Municipios Sostibles
 
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou este mércores as novas accións que vai poñer en marcha a institución provincial, incluídas no Plan de xestión e estratexia operativa Ourense 92, entre as que figuran a creación da Rede de Municipios Sostibles de Ourense, a facturación electrónica e a creación dunha oficina de información e asistencia deportiva aos concellos da provincia. Baltar Blanco incidiu en que é preciso afondar na cooperación con e entre os concellos.
 
 
 
 
 
31 de XANEIRO de 2013: OURENSE DIXITAL

Acompañado polos técnicos da Deputación de Ourense Javier Bobe e Javier Martínez de Anta, o presidente, Manuel Baltar, destacou este mércores ao presentar novas acciós do Plan Ourense 92 en relación á Rede de Municipios Sostibles, que o seu obxectivo é "converter á provincia de Ourense nun exemplo de sostibilidade e coordinación municipal en todo o que atinxe ao medio ambiente". Esta rede ourensá de municipios sostibles terá ámbito provincial, e estará constituída por concellos interesados en poñer en marcha iniciativas de desenvolvemento sostible que aporten solucións aos problemas ecolóxicos e medioambientais que afectan ao ámbito municipal.

A Rede pretende agrupar a todos aqueles concellos da provincia que avoguen polo desenvolvemento sostible provincial, e será o punto de encontro para a realización de accións comúns e o intercambio de información e experiencias, propiciando un espazo para a reflexión e o diálogo aberto entre representantes da administración, técnicos e cidadáns da provincia de Ourense.
A finalidade é tamén coñecer os condicionantes, problemas e potencialidades da provincia a través da diagnose do territorio, o que permitirá establecer accións de desenvolvemento económico, cohesión social e eficiencia ambiental.

Este proxecto consta de dúas fases, unha primeira denominada Etapa provincial-intermunicipal que abrangue os vindeiros dous anos e que pretende sentar as bases para compartir e optimizar recursos e levar a cabo proxectos intermunicipais; e una Etapa local, na que se realizarán as Axendas 21 locais de todos os concellos adscritos á Rede.
A campaña contará có apoio técnico do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense na realización das A21, e có compromiso das administracións locais e provinciais, o cal será ratificado no pleno de febreiro có asinamento da Carta de Aalborg e o Pacto dos Alcades, que recollen os compromisos institucionais en materia de sostibilidade e de eficiencia enerxética respectivamente.

A Deputación de Ourense, ademais de dar a coñecer á cidadanía a importancia de integrar a sostibilidade no desenvolvemento provincial, fará partícipes aos veciños dos concellos de todas as accións que se van a levar a cabo, como campañas divulgativas medioambientais, enquisas, obradoiros e foros de debate, así como un concurso escolar sobre a Axenda 21.

Facturación electrónica

En canto á facturación electrónica, outra das accións presentada hoxe, Manuel Baltar informou que a Deputación de Ourense terá dispoñible a partir do vindeiro 1 de marzo o servizo de presentación telemática de facturas, e engadiu que a institución provincial dispón xa do software necesario para a comprobación da identidade do remitente e do contido dos documentos (como estipula a lexislación vixente), e está a traballar na implantación do procedemento na páxina web da Deputación.
Neste senso, iniciouse unha campaña que ten como obxectivo informar aos provedores das vantaxes da tramitación electrónica, así como dos trámites técnicos e informáticos que teñen que realizar.

Neste ámbito da administración electrónica, a Deputación dispón na súa web institucional de ferramentas tecnolóxicas para xestionar o programa Internacional de Bolsas Leonardo, as axudas de Servizos Sociais e a contratación de obras, subministros e servizos.

Asemade, Manuel Baltar deu a coñecer unha iniciativa na que está a traballar a institución provincial para mellorar a coordinación en materia de deporte na provincia de Ourense.
Trátase da creación dunha oficina de información e asistencia deportiva aos concellos, que ten como obxectivo proporcionar apoio técnico, asesoramento e asistencia en materia de xestión deportiva aos municipios da provincia de Ourense demanden esta colaboración.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
   
   
 

Por MANUEL DOPAZO