Deputación e Federación de Concellos con Centrais Hidroeléctricas estudan mellorar a xestión dos ingresos
 
O presidente da Deputación de Ourense reuniuse este mércores con directivos da Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, para estudar mellorar a xestión dos ingresos enerxéticos. Quérese desenvolver un proxecto que permita incrementar os ingresos dos concellos que contan con centrais hidroléctricas, ao tempo que apostar a hora de facelo por unha maior seguridade xurídica.
 
 
 
 
 
10 de OUTUBRO de 2012: OURENSE DIXITAL

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse este mércores cos directivos da Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros, Francisco Sánchez e Javier Gonzalo, con quen analizou a posta en marcha dun proxecto piloto, que sería desenvolvido entre a devandita federación e a institución provincial, para optimizar e mellorar a xestión dos "ingresos enerxéticos" en aqueles concellos afectados por estas infraestruturas hidráulicas.

A iniciativa ten como finalidade ser un proxecto rexenerador de tesourería e pretende incrementar os ingresos destes concellos. Para elo vaise levar a cabo un estudo para revisar a potencia das centrais hidroeléctricas, regularizalas e actualizar o imposto de actividades económicas (IAE), e revisar asemade os denominados "BICES" que son os Bens Inmobles de Características Especiais, o que permitirá á provincia de Ourense actualizar as cotas tributarias neste ámbito, segundo se destacou dende a Deputación ourensá.
O proxecto permitirá normalizar a problemática fiscal e tributaria en materia de enerxía hidráulica dos municipios esencialmente enerxéticos existentes na provincia de Ourense, o que favorecerá a regulación dos ingresos que perciben por esta actividade.

Baltar e os directivos da federación analizaron polo miúdo a problemática dunha provincia como Ourense, que conta cun importante número de infraestruturas hidroeléctricas, e coincidiron na necesidade de actualizar os rexistros para que os concellos perciban as cotas que lles correspondan.
Asemade, o presidente provincial explicou os proxectos que está a desenvolver a Deputación de Ourense en materia de augas e as políticas e programas que neste ámbito está levando a cabo a institución provincial, favorecendo o aforro e a eficiencia a través da fusión de servizos aos concellos.

A Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e embalses agrupa a un milleiro de concellos de España –unha oitava parte do total-, e ten como obxectivo avanzar nas melloras medioambientais, económicas, de seguridade e de desenvolvemento social das comarcas onde están situadas presas e embalses.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA