O Cultural da Deputación acolle a primeira expo en Galicia da mexicana Maribel Portela
 
Chega ao Centro Cultural da Deputación a exposición da artista mexicana Maribel Portela. É a primeira vez que esta artista expón en Galicia. A mostra titulase Suma á natureza, e son 15 pezas de diferentes formas e materiais nas que a escultora explora, precisamente, a relación da persoa con medio natural.
 
 
 
 
6 de SETEMBRO de 2012: OURENSE DIXITAL

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense inaugurou este mércores a exposición da artista mexicana Maribel Portela, quen amosa os seus traballos por primeira vez en Galicia e faino no centro expositivo da Deputación de Ourense.
Suma á natureza é o nome da mostra na que Maribel Portela presenta quince pezas de diferentes formas e materiais, nas que a escultora explora as relación do home coa natureza, nun sentido "crítico e matemático" a través das diferentes formas das obras.

Madeira, papel, plástico e materiais vexetais conforman os elementos que Maribel Portela conxuga e mestura para crear sensacións que atraen ao espectador "nunha exposición nada convencional e de gran calidade", como a definiu o director do Centro Cultural, Francisco González, na presentación da mostra.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou que a obra desta escultora mexicana "chega a Ourense logo de percorrer Estados Unidos, México e Canadá, amosando así unha clara vocación de internacionalización para esta obra que non deixa indiferente a ninguén".

Maribel Portela explicou que durante todo o seu traballo creativo, "sempre tento explotar a relación dos seres humanos co cosmos. Este enlace exprésase a través de medos, paixóns e odios, e por medio da creación e destrución, e da forza da realidade".
A exposición que presenta no Centro Cultural supuxo para artista máis de dous anos de traballo, que son os que leva experimentando con novos materiais como son acrílicos, sementes, madeiras, plásticos e papel.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA