Camba non acude ao Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior en sinal de protesta
 
Galicia estará presente no Consejo, pero o secretario Xeral de Emigración non. Santiago Camba ven de remitir unha carta á Directora General de la Ciudadanía Española en el Exterior, Pilar Pin, na que lle anuncia a súa ausencia no V Consejo General. O motivo é non incluír na orde do día a intervención das comunidades autónomas
 
 
 
 
21 de SETEMBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, remitiu unha carta á Directora General de la Ciudadanía Española en el Exterior, Pilar Pin, na que lle anuncia a súa ausencia no Pleno do V Consejo General, que se celebra estes mércores e xoves en Madrid.

Na carta, o responsable de Emigración na Administración autonómica lembra á mandataria do Goberno central que “a vosa negativa a incluír na orde do día a intervención das comunidades autónomas” motiva a ausencia no devandito Pleno, tal e como xa lle expresara anterior e reiteradamente.

Trátase da primeira vez que os representantes autonómicos deberán empregar a quenda de rogos e preguntas para intentar expoñer a súa voz, pendentes en todo caso do arbitrio do moderador, en vez de ter asignado un tempo mínimo de exposición para dar a coñecer as súas actividades, intercambiar experiencias, e buscar fórmulas para a unión de esforzos no camiño de mellorar as condicións de vida dos cidadáns galegos e españois no exterior.

Con esta actitude "dirixista", sinala Emigración da Xunta de Galicia, "a máxima representante do Goberno central en materia de Emigración pretende dar carpetazo, pola vía do silencio, á súa obriga de convocar o Consejo General, sabedora de que a maioría dos representantes autonómicos xa non pertencen á súa formación política. Ante o perigo de críticas que podan poñer en dúbida algunhas das súas actuacións, Pin prefire obrigar a calar aos seus posibles opositores".

Malia a ausencia do seu máximo representante na materia, a Xunta de Galicia estará presente neste V Consejo, a través do xefe de gabinete da Secretaría Xeral da Emigración, Ildefonso de la Campa, quen escoitará as demandas e inquedanzas do resto dos integrantes do foro, pero non ten previsto intervir na quenda de rogos e preguntas.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Santiago Camba  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA