Presentada en Santiago de Compostela a sexta edición da Feira do Viño de Monterrei do 6 e 7 de agosto
 
Outra vez en Santiago e coa secretaria xeral para o Turismo, a verinesa Carmen Pardo como madriña, presentouse este martes unha nova edición da Feira do Viño de Monterrei, a sexta, que se celebrará os días 6 e 7 de agosto en Verín. Carmen Pardo, que tamén oficiará este ano de pregoeira, falou desta Feira como un “evento vitivinícola de marcada personalidade”, e destacou a “maridaxe perfecta” que fan turismo e enoloxía
 
 
 
 
 
27 de XULLO de 2011: OURENSE DIXITAL

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou este martes a VI Feira do Viño de Monterrei, que terá lugar os días 6 e 7 de agosto en Verín. Ao acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, asistiron o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e o presidente da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Méndez.
Na súa intervención, a secretaria xeral para o Turismo destacou que a Feira do Viño de Monterrei é “un evento vitivinícola de marcada personalidade” e que supón “unha maridaxe perfecta, a do turismo e a enoloxía”.
Sinalou, ademais, que a celebración da sexta edición desta feira “é unha grande oportunidade para dar a coñecer a nosa terra”, ao tempo que definiu o enoturismo como “unha maneira de turismo experiencial para achegarse ao descubrimento de todo un territorio”.

Carmen Pardo, que será a pregoeira da Feira do Viño de Monterrei, destacou o gran potencial co que conta o enoturismo en Galicia, un sector que, segundo dixo, “é quen de incrementar os fluxos, aumentar o gasto e traer turismo de interior e desestacionalizado”.
Nesta mesma liña, lembrou que “facer vivir Galicia a través do viño” é o obxectivo dos paquetes turísticos Vive Galicia, lanzados pola Secretaría Xeral para o Turismo e que veñen de cumprir a súa segunda edición, e que conforman un total de seis paquetes ou ofertas turísticas.

A sexta edición da Feira do Viño de Monterrei comezará o sábado 6 de agosto, ás 19.00 horas, cunha cata popular que correrá a cargo do director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei.
Unha hora despois, terá lugar a inauguración oficial da feira co pregón da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.
Ás 21.00 horas haberá unha actuación do grupo teatral Os quinquilláns e ás 21.30 horas serviranse cócteles feitos con viños de Monterrei.

Na xornada de domingo, a feira estará aberta desde ás 11.00 ás 14.30 horas da mañá, e das 19.00 ás 23.30 horas. A cata popular correrá a cargo de Nacho Costoya e, ademais, ao longo do día haberá actividades complementarias como catas de produtos galegos con denominación de orixe.
Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, haberá teatro na rúa no que se representarán obras que teñen relación co viño. Por último, a Praza García Barbón acollerá a partir das 20.00 horas do domingo un concerto folk.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google