Inaugurados os cursos presenciáis do Programa “Escolas Abertas 2011” da Secretaría de Emigración da Xunta
 
Un centenar de mozos residentes no exterior benefícianse do programa “Escolas Abertas 2011” que xa está en marcha. Acceden  a formación de graos intermedio e avanzado en diversas especialidades. Por outra banda, as rapazas e os rapaces participantes nos “Campamentos de Verán 2011” da Xunta de Galicia procedentes da diáspora visitaron Compostela
 
 
 
 
21 de XULLO de 2011: OURENSE DIXITAL

O subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas da Secretaría Xeral de Emigración, Andrés Castro, inaugurou no Albergue Xuvenil “Lugo II” os obradoiros de formación e especialización de carácter presencial previstos no Programa Escolas Abertas 2011, dirixido tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns individuais residentes no estranxeiro.
O número de beneficiarios na edición deste ano acada o centenar, dos que 38 proceden de Arxentina, 12 de Venezuela, 12 de Uruguai, 10 de Brasil, 10 de Cuba, 6 doutros países americanos, 7 doutros países europeos distintos a España, e 5 doutras comunidades autónomas españolas distintas a Galicia.

Os cursos de nivel intermedio versan sobre asociacionismo e xestión de asociacións e entidades sen ánimo de lucro, tecnoloxías da información e da comunicación, gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta, e baile tradicional galego. Os de nivel avanzado xiran en torno á gaita tradicional galega, e baile tradicional galego. Cómpre salientar que se trata de disciplinas que contan cunha amplísima demanda nas entidades galegas no exterior.

Os participantes son maiores de idade, menores de 35 para os cursos de formación de nivel intermedio, e menores de 55 para os de avanzado. Emigración faise cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros, e tamén da estadía e viaxe de tódolos participantes.

Visita a Compostela

Por outra banda, as rapazas e os rapaces participantes nos “Campamentos de Verán 2011” da Xunta de Galicia procedentes da diáspora visitaron Compostela, onde coñeceron a Cidade da Cultura e diversas iniciativas internacionais de dinamización no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, sito na Praza do Matadoiro.
Este verán, serán un total de 300 as mozas e os mozos que se poderán beneficiar das prazas reservadas a fillos e netos de emigrantes galegos no exterior nos Campamentos de Verán, que organiza a Dirección Xeral da Xuventude sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Foron, nesta convocatoria de 2011, máis de 700 as solicitudes recibidas para un total de 336 prazas. Un ano máis, o país do que proceden a maioría dos mozos é a República Arxentina, con 148, case a metade do total. Seguen despois Uruguai con 76, Venezuela con 52, Brasil con 20, e o resto dos beneficiarios proceden de Perú, México, Cuba, Chile, e Costa Rica. Hai tamén tres prazas que se reservaron para residentes noutras Comunidades Autónomas españolas, e finalmente unha delas recaeu nun solicitante residente habitual en Francia.

Trátase dun número de prazas reservado ao colectivo da diáspora, co obxectivo de fornecer as ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia por riba dos países onde teñan nacido. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da súa familia que quedaron na Galicia territorial.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google