Emigración e Política Lingüistica impulsan o Galego a través de cursos no extranxeiro
 
Emigración da Xunta en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüistica veñen de convocar curso de lingua e cultura galegas no extranxeiro para todas aquelas persoas interesadas tanto no propio idioma como na cultura de Galicia. Convócanse cursos de galego preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural dirixidos aos centros galegos de fóra de Galicia
 
 
 
 
18 de XULLO de 2011: OURENSE DIXITAL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Emigración convocan cursos de lingua e cultura galegas no estranxeiro para persoas interesadas no idioma propio e na cultura de Galicia. Esta convocatoria de carácter plurianual, que busca promover a difusión internacional da lingua e da cultura galegas, inclúe cursos preparatorios de lingua galega para os niveis de Celga e cursos de extensión cultural.

Por unha banda, convócanse cursos de galego preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural dirixidos aos centros galegos de fóra de Galicia. Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades legalmente constituída, que teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión da lingua e da cultura galegas.

Por outra banda, a convocatoria ofrece a modalidade de Galego na túa cidade, que inclúe cursos Celga dirixidos a persoas residentes no exterior que estean interesadas no coñecemento da lingua galega. Os solicitantes poderán preinscribirse nestes cursos a través do formulario que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com. Estas actividades de formación realizaranse naquelas cidades onde exista o número mínimo de alumnos preinscritos.

Os cursos de formación en lingua galega preparatorios para as probas Celga clasifícanse en catro niveis de coñecemento: Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega nalgún destes niveis, as persoas interesadas deberán realizar as probas Celga que convoca anualmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que terán lugar no mes de outubro.
Convócanse tamén cursos de extensión cultural, para persoas interesadas en manter o achegamento a Galicia, á súa realidade cultural actual, á súa historia, literatura, lingua e demais expresións sociais e culturais da comunidade. Ao remate destas sesións, as persoas que obteñan a cualificación de apto recibirán o diploma correspondente. A asistencia ás clases é obrigatoria.

Ademais, as persoas de fóra de Galicia interesadas no coñecemento da lingua galega tamén dispoñen da modalidade de formación en liña para preparar as probas Celga do nivel 1, que foi posta en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística o pasado ano.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google