Chegan a Galicia os máis de 200 participantes do programa “Reencontros na Casa 2011” da Xunta
 
Ao aeroporto de Lavacolla en Santiago comezaron a chegar este mércores os emigrantes do programa “Reencontros na Casa” da Xunta de Galicia. Ata máis de 200 chegan este verán para reencontrarse con unha terra á que moitos deles incluso non volveron dende que emigraron alén do Atlántico. O maior deles provén da Arxentina e ten 98 anos, e tres máis teñen entre 88 e 89 anos
 
 
 
 
 
23 de XUÑO de 2011: OURENSE DIXITAL

Os 218 participantes da edición deste ano do senlleiro programa “Reencontros na Casa”, posto en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, comezaron a chegar este mércores ao aeroporto de Lavacolla. Pasada a unha da tarde, aterraba o voo IB 554 cos 76 primeiros, procedentes de Uruguai (agás un, desde Chile).
Ao longo da tarde foron chegando os restantes, coa única excepción dos dous participantes residentes en Venezuela que o farán este xoves.
Así, ás cinco aterraba outra aeronave con 46 procedentes de Brasil e Arxentina, e a terceira chegaba ao aeródromo compostelán minutos antes das oito con 94 procedentes de Arxentina e Cuba.
En cada un dos tres voos acompañaban aos emigrantes dous coidadores.

O programa “Reencontros na Casa“ ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra e a súa familia aos galegos residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través deste programa facilítase que estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para moitos, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento des que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60% do custe da pasaxe entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Cuba e Venezuela. Nestes dous países, a axuda consiste nun 80% do custo da pasaxe por mor da situación económica e as dificultades para acceder ás divisas necesarias.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar esta parte importante do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Un emigrante na Arxentina de 98 anos, o máis veterano

Aínda que os participantes teñen máis de 55 anos, cómpre subliñar a presenza de beneficiarios que superan con creces esa media de idade. Destaca un participante procedente de Arxentina con 98 anos, e outros tres beneficiarios de Arxentina e Uruguai con 89 e 88 anos.

Polo que respecta ao lugar de nacemento, o 29% é nado na provincia da Coruña, o 6% naceu na provincia de Lugo, o 11% é nado na provincia de Ourense, o 36% naceu na provincia de Pontevedra. O restante 18 % son fillos de emigrantes nados xa en Latinoamérica. Cómpre aclarar que a baixa porcentaxe de Lugo corresponde á súa menor presenza estatística na diáspora, en comparación coas outras tres provincias.

Reencontros na Terra

Por outra parte, a web galicia aberta ven de publicar as listas provisionais de solicitudes completas e excluídas do programa “Reencontros na Terra” na súa edición 2011.
Trátase dun programa similar ao de “Reencontros na Casa”, pero neste caso é a Administración autonómica a que tutela directamente a estadía, e encárgase da manutención e traslado, dos participantes no programa.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google