Camba trasladou aos emigrantes galegos en Suiza novidades en materia de voos e axudas
 
Voos comerciais, reforma do voto exterior, cambios no sistema de subvencións, integración da Fundación Galicia Emigración na Secretaría Xeral, e anteproxecto de Lei do Retorno, foron os puntos tratados nunha xuntanza que mantiveron o secretario de Emigración, Santiago Camba, e o subdirector de Emigración, Antonio Aguarón, con moitos dos colectivos da diáspora galega na Confederación Helvética
 
 
 
 
28 de FEBREIRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, reuniuse con representantes de moitos dos colectivos da diáspora galega con presenza na Confederación Helvética, nun acto que tivo lugar na sede da asociación ‘A Nosa Galiza’ de Xenebra.
Camba informou aos presentes das propostas de programación de voos pactadas entre o Goberno galego e diversas compañías aéreas para enlazar Suíza e Galicia a partir de agora. Concretamente, expúxolles as propostas a este respecto das compañías Vueling e Air Berlin para unir Santiago de Compostela e Zürich (no segundo caso, vía Palma de Mallorca), e da compañía Easy Jet para explotar a conexión entre a capital galega e Xenebra.

Os representantes dos colectivos de galegos emigrados na Confederación Helvética amosaron a súa satisfacción pola posibilidade desas ligazóns xestionadas e negociadas recentemente pola Xunta de Galicia, e expuxeron o seu interese pola estabilidade no tempo destes voos comerciais.
A diáspora en Suíza expresou igualmente ao secretario xeral a súa insatisfacción pola reforma da Lei que regula o dereito ao voto nas eleccións municipais, aspecto polo que Santiago Camba amosou a súa comprensión, se ben lembrou que se trata dunha competencia de ámbito estatal que foi reformada con amplo consenso nas Cortes Xerais do Estado.

Subvencións

Santiago Camba informou igualmente aos representantes da diáspora en Suíza dos cambios no sistema e ordes de subvencións, que perseguen exclusivamente unha maior eficacia na xestión dos fondos, maior facilidade para as asociacións na presentación e renovación de documentación e xustificacións, e unha meirande velocidade na resolución das solicitudes.

Da mesma maneira, Camba explicou que, con ese mesmo obxectivo de incrementar a eficacia na xestión e racionalización administrativa, a Secretaría Xeral que dirixe farase cargo de todo o traballo e xestión de programas sociais da antiga Fundación Galicia Emigración, recentemente extinta polo Goberno galego, na liña de austeridade posta en marcha polo executivo de Núñez Feijoo. Neste aspecto, Camba garantiu aos presentes que tódalas actividades e iniciativas que viña desenvolvendo a Fundación manteranse –e na medida do posible melloraranse- coa integración desa entidade na Secretaría Xeral da Emigración.

Finalmente, o subdirector xeral da Emigración, Antonio Aguarón, explicou polo miúdo aos presentes os detalles do anteproxecto de Lei do Retorno, e informou da apertura dun período de alegacións para que tódalas entidades e individuos interesados podan realizar as súas contribucións ao texto, tal e como xa veu anunciando en encontros similares noutros puntos de Europa e América Latina.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Antonio Aguarón Turrientes  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google