Benito Losada: O pai da nosa Casa

 

Unha pérdida inmensa. Un dos poucos grandes que quedaba. Sempre me animou coas miñas cousas, e se prestou a cederme espazo para o que quixera. Tantas cousas boas fixo pola Casa da Xuventude, pola mocidade e en xeral por Ourense, que esta nova, aínda que non me colle desprevenido, me deixa doído. Descanse en paz onde estea, don Benito Losada.

 
 
 
 
 


Por Jorge M. de la Calle

9 de FEBREIRO de 2011

 
 

Lémbroo no seu despacho no terceiro andar da Casa, a Casa da Xuventude, a casa de todos. Non era un despacho no sentido formal e solemne da palabra, porque era o despacho de todos, o recuncho onde o podías atopar e falar, sen ningún tipo de formalismo, sen ter que pedir audiencia ou desculparse por nada. As portas estaban sempre de par en par, para quen tivese unha idea, ou simplemente para saudalo, os moitos amigos e amigas que sementara co paso do tempo. As poucas veces que tratei con el, a pesar de que non me coñecía de nada, só por algunhas fotos e textos que lle mandaba de cando en vez, sempre me tratou coma se fose un amigo de toda a vida, sempre me animou a que mandara o meu traballo, sempre amosou interese polo meu crecemento profesional e persoal. Sempre me saudaba, sempre se lembraba do meu nome, a pesar da moita xente que coñecía, sen dúbida moito máis importante ca min. Porque cría na mocidade, no emprendemento, e na xente nova e anónima coma ti e coma min.

Lémbrome de como me chamaba cando me vía pola Casa para falar comigo, algo inaudito na sociedade de hoxe, onde non contan contigo nin batendo en todas as portas, e invitábame a deixar a un lado as présas e a ansiedade para charlar verbo das cousas que facía. Lémbrome de como dicía “Pasa, pasa sen medo”, e eu pasaba adentro, e sen problema andaba no seu ordenador para ensinarlle o meu correo, entre tantos que lle chegarían. E lembro como me dicía “Non te esquezas de pórlle nome sempre ao que fas”, e de feito as fotos miñas sempre foron co meu nome na súa páxina, na nosa páxina da Casa da Xuventude, porque un imperativo moral seu era que todo artista e traballador vise recoñecida a súa obra, o seu traballo. E por último, sempre acolleu as miñas ideas e amosouse partidario de cederme espazo para expór, aínda que a falta de cartos non me deixase imprimi-las fotos, e ao final todo quedara só nunha bonita idea. O espazo e os marcos, claro, porque Benito era ante todo un traballador, e se tiña que pórse a facer “manualidades”, facíao como calquera fillo de veciño, como calquer “currante”.

Naceu un 19 de novembro de 1946 en Lugo, mais Ourense acolleuno como un fillo máis. Mestre pola Escola Normal de Lugo, con estudos de Xeografía e Historia, nunca chegou a exercer o maxisterio, aínda que nunca se desvencellou do mundo da mocidade, traballando activamente con ela dende 1971, e a partir de 1978, á fronte da Casa da Xuventude de Ourense. Dende a Casa creou, promoveu e coordinou numerosas actividades, entre estas, o Outono Fotográfico, as Xornadas de Banda Deseñada, a Bienal de Caricatura e o Premio Ourense de Contos. Recibiu numerosas distincións polo seu labor, das últimas, a Curuxa de Honra 2003, outorgada polo Museo do Humor de Fene, ou o especial que concede Sarabela Teatro no marco da MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense). Mesmo se creou, dende o Campus de Ourense da Universidade de Vigo, unhas xornadas teatrais co seu nome. E participou en numerosas institucións culturais, preferentemente da cidade das Burgas, onde foi socio fundador da Agrupación Fotográfica Ourensá e do Clube Cultural Alexandre Bóveda. Asimesmo, foi socio da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas, e membro da Comisión Técnica de Acción Cultural co Consello da Cultura Galega. Nos últimos dous anos, un cáncer de próstata non lle impediu seguir loitando como director e cabeza visible da Casa, sempre hiperactivo, á vez que reflexivo, rigoroso, e galego retranqueiro. Sobreviviu só dous meses ao seu amigo o historiador Marcos Valcárcel, en cuxa homenaxe participou activamente.

Este home de carácter aberto e afable, e ollos grandes e como abraiados, foi despedido este 7 de febreiro por centos de amigos e compañeiros. Todo o mundiño cultural ourensán rendiuse ao seu encanto, o seu entusiasmo e enerxías, a súa paixón por facer de Ourense e, en especial, a Casa da Xuventude, “a Atenas de Galicia”, un lugar aberto sempre aos novos creadores. Cada persoa que se achegaba a el cunha idea se convertía directamente no seu amigo”, era unha das ideas máis repetidas no acto de homenaxe. Gustaríame terlle feito fotos de vivo, non agora. E sentín que non estaba á altura, cunha cámara estropeada coa que non faría nin de lonxe a miña mellor reportaxe. Pero era o que había, e Benito me tería dito que o que importaba era a “vontade”, de facer cousas. Este luns non se podía entrar á sala que ,antes de acoller o seu recordo, acollera todo tipo de actos, obras de teatro e exposicións plásticas; e mesmo ao edificio, das moitas xentes que o ateigaban para darlle o pésame á familia e o último adeus ao que foi nos últimos 30 anos o gran dinamizador cultural de Ourense. Tantas cousas boas fixo pola Casa da Xuventude, pola mocidade e en xeral pola nosa cidade, que esta nova, aínda que non me colle desprevenido, me deixa doído. Descanse en paz onde estea, don Benito Losada.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Benito Losada  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
publicidad
   

 

Añade OuD a tu Google