5,4 millóns de euros en axudas de Emigración da Xunta de Galicia para persoas e entidades públicas e privadas
 
A secretaría xeral da Emigración da Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia ao longo dos últimos trinta días as distintas convocatorias de axudas a individuos e entidades públicas e privadas, por valor de 5,4 millóns de euros. Así, destínanse 1’8 millóns para programas de entidades galegas no exterior, 2’3 para axudas individuais, e 1’3 para concellos e ONGDs.
27 de DICIEMBRE de 2010: OURENSE DIXITAL

As subvencións dos programas a favor das entidades galegas no exterior publicáronse no DOG en dúas partidas distintas. A metade do montante total, 900.000 euros, destinouse a unha convocatoria para axudas ao mantemento ou mellora de infraestruturas, mediante tres liñas concretas. A primeira para reforma, rehabilitación e conservación das instalacións; a segunda para mellora de dotacións en equipamentos; e a terceira para acondicionamento e dotación das bibliotecas dependentes dos centros galegos no exterior.

Por valor dos restantes 900.000 euros –para axudas non infraestruturais-, publicouse despois outra resolución que repartía estes fondos en cinco liñas de axudas distintas. A primeira delas, dotada con 101.000 €, é o programa de axudas ás entidades galegas para a prestación de servizos socioasistenciais en favor das persoas de orixe galega residentes no exterior, e tamén os seus descendentes. A segunda, cuxo orzamento acada os 340.000 € refírese ás axudas para promover a realización de proxectos culturais, formativos e actividades asociativas. A terceira liña, cun orzamento de 110.000 €, é o programa de axudas para a edición de publicacións e outras accións informativas das entidades galegas no exterior. A cuarta liña, de 250.000 €, son as axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento. E a quinta son 99.000 € que se destinan a axudas para realización de proxectos promovidos pola xuventude.

Axudas individuais

Os 2’3 millóns de euros destinados a persoas individuais abranguen sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

En calquera caso, Emigración subvenciona así as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria dos galegos en situación de precariedade económica. Cómpre salientar que o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración nestas axudas individuais.

Tamén os inmigrantes

Finalmente, Emigración ven de publicar unha resolución de axudas para concellos e consorcios locais, e outra para organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, que favorezan a integración de retornados e inmigrantes. A primeira das resolucións determina o destino de 700.000 mil euros previstos para concellos, mancomunidades de concellos, e consorcios locais. De entre os que reciben máis de 25.000 euros, atópanse o de Vigo (82.130), Verín (41.546), o Consorcio das Mariñas (39.299), Lalín (36.759), Ribeira (35.123), Xinzo de Limia (32.264), e Ames (33.390).

A segunda resolución atinxe ao destino dos 600.000 euros de subvencións para organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGDs) e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan demostrado a realización de actividades encamiñadas á integración dos inmigrantes na sociedade galega. De entre as que reciben 25.000 euros ou máis, sitúanse o Colexio Fogar Santísima Trinidad (61.020), Asociación Sociocultural Formación y Empleo (40.307), Asociación Senegalesa de Pontevedra (38.597), Voluntarias de Caridad San Vicente Paúl de Marín (36.595), Ecos do Sur (34.611), Cáritas Diocesana de Santiago (26.871), Fillas do Divino Celo (25.290), e os Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres (25.000).

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google