Camba Bouzas inaugurou en Caracas o Congreso da Xuventude Galega
 
O director Xeral de Emigración da Xunta de Galicia volveu a referirse aos galegos residentes no exterior como “un dos principais activos con que conta a nosa comundidade”. Agora o fixo Santiago Camba na inauguración do Congreso da Xuventude Galega e descendentes residentes en Venezuela, que tivo lugar en Caracas
2 de NOVIEMBRE de 2010: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, resaltou en Caracas, Venezuela, o importante papel que desempeñan os residentes no exterior no conxunto da sociedade galega. “Galicia necesita dos seus fillos no exterior para configurar o seu papel na historia que nos tocou vivir”, sinalou. E engadiu: “Non creo que Galicia sexa unha realidade circunscrita as súas fronteiras físicas, senón que ao contrario vemos á nosa terra como unha realidade humana con múltiples asentamentos no noso planeta, principalmente no continente americano e europeo. Santiago Camba fixo estas manifestacións durante a inauguración do Congreso da Xuventude Galega e descendentes residentes neste país.

Así, o responsable de Emigración da Xunta de Galicia referiuse aos residentes galegos no exterior como “un dos principais activos con que conta a nosa comunidade”, e lembrou as actuación da Xunta de Galicia a favor da xuventude e da emigración, “reflectidas como un eixe estratéxico de acción dentro do Plan Integral de Emigración 2010-2013”.

Neste sentido, Camba recordou, tamén, as conclusión do IX Consello das Comunidades Galegas, celebrado en decembro do ano pasado, que facía referencia á necesidade de articular un espazo de integración para a xuventude galega no exterior. “Sodes vos, as mozas e mozos galegos, os que debedes de formular as estratexias de traballo para a vosa integración efectiva na galeguidade. Sodes donos da vosa realidade e responsables para fixar o voso compromiso para que o mantemento dos lazos sociais, culturais e económicos entre a Galicia interior e a exterior sexa unha realidade neste século XXI”, incidiu.

Así mesmo, o secretario xeral da Emigración sinalou a promoción do “diálogo interxeracional” como un dos maiores retos da galeguidade no presente. Un reto que, ademais, animou a afrontar aos asistentes ao Congreso: “Estades aquí porque queredes ser protagonistas da mellora de Galicia e dos galegos”. 
“Desexo que os próximos días sexan frutíferos no intercambio de experiencias e coñecementos e, sobre todo, que esta actividade non sexa un feito illado, se non o xerme dunha nova galeguidade que de continuidade á heroica e esforzada historia da nosa emigración”, concluíu.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Santiago Camba, director Xeral de Emigración  
     
 
 
     
 
 
 
   

 

Añade OuD a tu Google