Cea prepárase para vivir un cheo sen precedentes co Festival Internacional de Orquestras
 
 

As orquestras son "unha industria cultural destacable en Galicia", dixo o director do FIOU. Un 66% dos galegos vai as verbenas, fronte a un 47% que di ir ao cine, por exemplo. As orquestras galegas gozan de prestixio en todo o Estado
 
 
 
2 de SETEMBRO de 2010: OURENSE DIXITAL

Na Deputación de Ourense presentouse este mércores a primeira edición do FIOU, o Festival Internacional de Orquestras de Galicia. Terá lugar en Cea este vindeiro fin de semana, dende este venres, día 3, ata o domingo, día 5.
Na presentación deste evento estiveron o presidente da institución provincial, José Luis Baltar, o director da S.A. de Xestión do Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, o alcalde de Cea, José Luis Valladares, e o director do Festival, Marcos Lorenzo.

Precisamente Marcos Lorenzo destacaría ao respecto que un 66% dos galegos asisten ás verbenas, fronte a un 47% que vai ao cine, por exemplo.
Dato que, segundo o director do Festival, fala por si só de que hai en Galicia moita tradición e gusto pola orquestras, que cualificou de “industria cultural destacable en Galicia”.
De feito, Marcos Lorenzo sinalou que Galicia é unha das comunidades punteiras en todo o Estado en orquestras, e as orquestras galegas das más recoñecidas en toda España.

A programación de FIOU servirá para tender pontes para o diálogo entre culturas, xa que, ademais dalgunhas das mellores orquestras galegas, como Sintonía de Vigo, Olympus ou Philadelphia, no Festival Internacional de Orquestras de Galicia haberá tempo para ver en directo a formacións latinas como os Billo’s Caracas Boys ou Los Melódicos, con ducias de cancións que levan décadas no repertorio das verbenas galegas. Participarán tamén bandas chegadas de Francia e o Magreb, Estados Unidos e Sicilia, que levarán a Cea a experimentación e os sons máis innovadores.
O venres e o sábado despois da actuación das orquestras haberá festas con música de baile a cargo de varios djs, e o sábado e o domingo, ademais das actuacións nocturnas, non faltará a tradicional sesión vermú. 

“Cea transformarase nun gran escenario para acoller este festival que quere contribuír a dar pulo ao interior de Galicia”, destacou a organzación.
Segundo o alcalde, José Luis Valladares, toda a vila está preparada para recibir aos milleiros de persoas que se acheguen ata alí, que disporán de acampada gratuíta con todos os servizos (previa inscrición en na páxina fiou.xacobeo.es) e amplas zonas de aparcamento.

 

Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
publicidad
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   
   

 

Añade OuD a tu Google