Ramirás acolle o estreno en Galicia da xira por vinte vilas galegas de A Tropa de Trapo con “Contos coas máns abertas”, unha proposta solidaria insólita e atrainte. Será este domingo, 6 de xuño, ás 6 de tarde no Centro Social e Cultural de Ramirás, función aberta a tódolos públicos. Esta actividade enmárcase no “Ramirás solidario. Porque o mundo pode ser un lugar mellor para todos”, que organiza o Concello coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade. Xa está en marcha a exposición “Os obxectivos do Milenio” que se pode visitar no Centro do Picouto ata o domingo, día 13, e tamén se imparte unha unidade didáctica sobre Solidaridade no Colexio Público Roxelio García Yáñez.
 
 
Ramirás aposta estes días “porque o mundo pode ser un lugar mellor para todos”
 
A Tropa de Trapo con "Contos coas mans abertas"
5 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Esta fin de semana iníciase na vila ourensá e Ramirás a xira “Contos coas mans abertas” promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización. O espectáculo músico-teatral creado expresamente para esta campaña pola compañía compostelá A Tropa de Trapo percorrerá ata finais de ano un total de vinte Concellos asociados á entidade municipalista galega. Despois de Ramirás virán Arteixo, Porto do Son, Xove, Ferrol, Sada, Cambre, Salceda de Caselas, A Estrada, Culleredo, Ames, Nigrán, Mos, Verín, Cangas, Carballo, Burela, Abegondo, O Valadouro e Poio, lugares seleccionados para acoller as representacións.

A proposta, dirixida a público adolescente e adulto, baséase en contos narrados a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra, a kalimba, o goni ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos.
“Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, Contos coas mans abertas é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor”, sinalan os responsables de A Tropa de Trapo.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimanos son algúns dos protagonistas das historias contadas por Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo.
Dende entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página