Medio Rural ven de declarar as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro como de alto risco de incendios forestais en Galicia, co que entran en vigor nestas datas tódalas medidas tendentes a evitar os incendios forestais en toda a Comunidade: queimas controladas, tarefas agrícolas que poidan conlevar risco, e, por suposto, calquera tipo de lume nos montes galegos. A orde faculta, ademais, ao director Xeral de Montes para modificar estas datas “cando as condicións meteorolóxicas agraven o risco de lumes”. Co que aínda podería adiantarse o período ou retrasarse o seu remate.
 
 
Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, “alto risco de incendios forestais” en Galicia
4 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A época de perigo alto de incendios forestais en Galicia non comeza este ano ata o 1 de xullo e rematará o 30 de setembro, segundo o ven de dispoñer a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e orde que aparece publicada no DOG, Diario Oficial de Galicia.
Por esta norma, para este ano 2010 declárase o período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro como de perigo alto de lumes forestais.
Ao mesmo tempo, a Orde faculta tamén ao director xeral de Montes “para ditar cantas instrucións sexan precisas para modificar estas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios”, sinala o departamento de Samuel Juárez.

 

A publicación desta Orde no DOG faise efectiva de acordo co establecido polo artigo 9 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que establece que, “en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a Consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia”.

Aínda que na nota facilitada pola Consellería de Medio Rural non se indica, a declaración de época de alto risco de incendios forestais conleva, entre outras medidas, que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro non haberá concesións para queimas controladas, prohíbense tarefas, incluso agrícolas, que poidan conlevar risco de provocar lumes e, por suposto, o acendido de fogueiras e calquera tipo de lumes nos montes de toda a Comunidade.

 
Volver atras
Imprimir Página