A Deputación Provincial de Ourense ven de publicar un libro sobre as obras de enxeñería contemporánea máis importantes que se teñen construído na nosa provincia, o saltos hidráulicos do río Sil. A autora é a investigadora Susana Chávarri, quen recolle na súa obra “A construción dos Saltos do Sil (1945-1965)” unha importante parte da historia da provincia de Ourense, tanto no aspecto social como no empresarial e económico. A edición da obra faise en castelán (900 exemplares) e en galego (300 exemplares) e está coeditada pola Deputación de Ourense e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños.
 
 
Publicado “A construción dos Saltos del Sil (1945-1965) da bilbaína Susana Chávarri
 
2 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Na presentación do libro, que tivo lugar este martes na Deputación de Ourense, a responsable de Publicacións da institución provincial, Ana Malingre, dixo que Susana Chávarri reconstrúe esta interesante etapa da nosa historia provincial “por medio das testemuñas dos protagonistas que fixeron posibles os saltos hidráulicos no río Sil e tamén a través da documentación técnica da sociedade Saltos del Sil, S.A., empresa encargada de realizar estas grandes obras de enxeñería”.
O libro naceu trala proposta que o Instituto de Estudios Valdeorreses fixo á Deputación de Ourense a través do seu presidente, Aurelio Blanco Trincado, sobre a necesidade de contar cun traballo que recollera as vivencias que as familias e os pobos das cuncas do Sil durante a construción das presas. Moisés Blanco, vicepresidente 2º da Deputación, trasladou o interese da comarca de Valdeorras por dispoñer desta publicación para que puidese perdurar na memoria esta fazaña da enxeñería aplicada ao río Sil.

Desta maneira, o traballo de Susana Chávarri viu a luz.
En opinión do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, “trátase dunha importantísma aportación porque a construción dos saltos do Sil foi un feito determinante na historia de Galicia, e en particular, na historia de Ourense xa que marcou a traxectoria de moitas poboacións da nosa provincia nos anos centrais do século XX”.
Baltar felicitou a autora afirmando que tratou a materia “con rigor histórico e técnico”, agradecemento que fixo extensivo a Iberdrola por ter cedido a documentación gráfica par o libro; ao Instituto de Estudios Valdeorreses “por poñernos no camiño deste libro”, e ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, na persoa do seu presidente, Edelmiro Rúa, “por coeditar a obra con nós”.

O libro é a tese de doutoramento presentada na Universidade Pública de Navarra pola historiadora e socióloga Susana Chávarri, quen na súa vida profesional traballa participando en proxectos de recuperación e xestión da historia para a Sociedade Iberdrola. Describe unha época en Ourense na que o principal recurso existente era a man de obra, e tamén da conta do traslado de milleiros de homes aos distintos emprazamentos de construción das presas, o que ocasionou a formación de auténticas “micro-sociedades” en torno ao río Sil.
A edición da obra faise en castelán (900 exemplares) e en galego (300 exemplares) e está coeditada pola Deputación de Ourense e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, para o cal as dúas entidades asinaron un convenio de colaboración. 

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página