Xa viu a luz o número 32 da revista Raigame que edita a Deputación, e que neste número dedica a metade da publicación a Uxío Novoneyra. En concreto, consta de catro artigos que describen dende diferentes ópticas o achegamento do poeta lucense á cultura popular. Publícanse ademais investigacións sobre “Os cabaceiros de madeira no Eo-Navia”, de Carlos Xesús Varela, “Os apuntamentos sobre a lírica de Emilio Pita”, de José Ángel García López, e un interesante traballo de María Zaragoza Arias sobre a historia do Teatro Losada de Ourense, dende o seu nacemento como cine e teatro de “variedades” ata o seu destino final que foi converterse nun edificio para o comercio.
 
 
Raigame adica un monográfico a Uxío Novoneyra e publica un estudo sobre a historia do Teatro Losada
 
27 de ABRIL de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A revista Raigame que edita a Deputación provincial de Ourense dedica un monográfico ao poeta e escritor Uxío Novoneyra, protagonista do Día das Letras Galegas 2010. A presentación do número 32 desta revista tivo lugar este luns na institución provincial coa presenza do presidente da Deputación, José Luis Baltar e os directores da revista, Xulio e Mariló Fernández Senra.

Fernández Senra subliñou que Raigame segue fiel aos obxectivos cos que naceu fai xa 31 números, “servir de instrumento de difusión para o traballo de investigación etnográfica de expertos, profesores, estudosos e, en xeral, para todas aquelas persoas que teñen algo que aportar á riqueza patrimonial e etnográfica de Galicia e de Ourense en particular”.
Pola súa banda, José Luis Baltar referiuse a Raigame como “a revista de todos, un espazo literario onde teñen cabida dende os investigadores máis afamados ata os máis noveles, pero co requisito da calidade como única esixencia para todos”.

Xulio Fernández Senra destaca con respecto a este número 32 de Raigame “a excelencia” dos artigos que se inclúen, “tanto polo calado investigador e a rigorosidade científica, como pola gran aportación que fan á nosa historia”. Neste senso destacan as investigacións sobre “Os cabaceiros de madeira no Eo-Navia”, cuxo autor é Carlos Xesús Varela, así como “Os apuntamentos sobre a lírica de Emilio Pita”, artigo asinado por José Ángel García López.
Este número inclúe tamén un interesante traballo de María Zaragoza Arias sobre a historia do Teatro Losada de Ourense, dende o seu nacemento como cine e teatro de “variedades” ata o seu destino final que foi converterse nun edificio para o comercio. Outro dos artigos, escrito por María Elisa Abad Suárez, realiza un percorrido filatélico pola Vía da Prata, recollendo os selos conmemorativos, cartas, postais e demais elementos do Correo, utilizados ao longo desta importante rota Xacobea.

A segunda parta da revista é a dedicada monograficamente a Uxío Novoneyra. En concreto, consta de catro artigos que describen dende diferentes ópticas o achegamento do poeta lucense á cultura popular. Carmen Blanco asina o artigo “O poeta da terra e a peste da historia”, mentres Claudio Rodríguez Fer co “Son da terra na poesía de Novoneyra”, explica a fonda relación entre as vivencias rurais do poeta e a súa obra. Completan a edición os traballos de Olga Novo con “O canto (des)comunal dos seres da serra. Uxío Novoneyra dicidor dos saberes do seu pobo”, e Clodio González Pérez con “O Caurel de Uxío Novoneyra. Achegamento á cultura popular”.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página