Preto de 40 imaxes de Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Vilariño e Tino Viz expóñense desde este luns en Córdoba, Arxentina. É a exposición “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010”, que a Xunta de Galicia leva a esta provincia para afondar na colaboración no eido da cultura e do turismo, para o que se valora moito o feito de que esta provincia dispoña do “Camiño Real” Cordobés. De feito, o secretario de Cultura desta provincia arxentiña subliñou que a experiencia do Camiño de Santiago é “unha achega moi importante” para este camiño.
 
 
 
“Olladas no Camiño de Santiago” visita Córdoba, provincia arxentina que tamén ten o seu camiño
24 de MARZO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Tal e como estaba previsto e anunciado, o secretario de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, e o secretario de Cultura da Provincia de Córdoba, José Jaime García Vieyra, deixaron inaugurada este lunes a mostra fotográfica “Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010” en Córdoba, Arxentina.
No acto de inauguración da expo, o secretario de Cultura de Córdoba, García Vieyra, destacou na súa intervención que “os camiños fan cultura” e que son “os homes quen os constrúen”. Neste sentido, asegurou que cando lle presentaron o proxecto de realizar esta exposición en Córdoba valorou de contado a posibilidade de realizala porque, segundo explicou, ademais da “estreita relación que une esta provincia con España”, a experiencia do Camiño de Santiago é “unha achega moi importante” para o proxecto do “Camiño Real” cordobés.

“O Camiño de Santiago tráenos unha mostra importante do que é esa vía, que é como a vida. Porque os camiños non se fixeron solos, hai que construír camiños e construír historia”. Nesta liña, engadiu o reprensentante de Córboba que “nesa vontade estamos unidos Córdoba e Galicia”.

Pola súa banda, o Secretario Xeral da Emigración do Goberno galego agradeceu a colaboración do Goberno local de cara a esta iniciativa e salientou que “boa parte do que os galegos aprendemos como pobo nos veu dado pola peregrinación xacobea” así como por outras peregrinacións como “a emigración a terras como esta Córdoba de Arxentina”.
Así mesmo, Santiago Camba trasladou aos presentes a invitación do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para visitar Galicia durante este ano, “un ano que ten un significado tan especial, engadindo á celebración propia do reencontro coa patria eterna e a celebración universal que alí se está a vivir”.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página